A Aula de Produtos Lácteos de Lugo celebra o Día Internacional do Leite cunha visita escolar
O venres 1 de xuño celebrarase o Día Mundial do Leite, data establecida pola FAO co propósito de incentivar o consumo dos produtos lácteos. Sumándose a este obxectivo, a Aula de Produtos Lácteos da USC en Lugo organiza por noveno ano unha xornada de portas abertas na que participarán un grupo de escolares lucenses. 50 alumnos de primeiro de Educación Primaria do Colexio A Milagrosa coñecerán de primeira man o proceso de transformación do leite, así como os beneficios para a saúde do consumo de lácteos. Unha vez na Aula, os alumnos participantes na visita (que se desenvolverá entre as 9.30 e as 11.00 horas), terán a posibilidade de coñecer a planta piloto e a zona de talleres, onde serán convidados a probar o queixo e se lles ensinará o proceso de elaboración dos derivados lácteos, como o iogur. Ao mesmo tempo, no laboratorio poderán asistir a un pequeno ensaio con iogures, combinando aromas e cores diferentes. A visita inclúe unha charla na que se lles explicará a importancia dos produtos lácteos nunha alimentación saudable e a súa estreita relación coa saúde e a dieta equilibrada, e tamén se lles ofrecerá información sobre a conservación adecuada dos alimentos. Como novidade, os alumnos participarán ademais nunha degustación de queixo crema. Como agasallo, os 50 rapaces e rapazas recibirán unha camiseta conmemorativa, un caderno de actividades e unha bolsa de produtos lácteos, achegados polos patrocinadores da actividade, que este ano son Casa Grande de Xanceda, Innolat, Feiraco, Alimentos Lácteos e Leite Río.