Bioloxía reunirá nun encontro interdisciplinar especialistas internacionais en conservación do patrimonio
Do 2 ao 5 de outubro reuniranse na aula magna da Facultade de Bioloxía 150 especialistas en materia de conservación do patrimonio, a maioría dos ámbitos da química, bioloxía, física, xeoloxía e restauración. Será no Congreso Internacional sobre Ciencia e Tecnoloxía para a Conservación do Patrimonio Cultural, organizado polo grupo Massimo Lazzari do CIQUS da USC e coa colaboración dos profesores Antonio Martínez Cortizas e Felipe Criado Boado. O encontro comparte o mesmo obxectivo que levou á creación da Rede Española de Ciencia e Tecnoloxía para a Conservación do Patrimonio Cultural e que é o fomento da colaboración entre os axentes do sistema ciencia-tecnoloxía-empresa para facilitar a posta en común de ideas e experiencias que axuden á resolución de problemas e permitan a transferencia de tecnoloxía co obxectivo común de contribuír á conservación do patrimonio cultural. Para iso, contémplanse oito liñas de traballo relacionadas con avaliación e control ambiental; axentes e mecanismos de deterioro do patrimonio cultural, incluíndo o dos materiais modernos empregados na arte contemporánea; desencolvemento de novas tecnoloxías non invasoras para a conservación; novos produtos e materiais; preservación do patrimonio industrial, rural e arqueolóxico; tecnoloxías de seguridade e sistemas de información xeográfica; importancia e valoración social do patrimonio cultural e políticas para a súa conservación. No congreso participarán oito especialistas convidados de diferentes países (UK, Italia USA e España) que impartirán relatorios sobre algúns dos tópicos máis importantes relacionados coa ciencia e tecnoloxía do patrimonio. Ademais, haberá un cento de comunicacións orais de persoal investigador de máis de dez países e numerosas comunicacións póster.