A Escola de Maxisterio de Lugo celebra o acto oficial de cambio da súa denominación a Facultade de Formación do Profesorado
O reitor da USC, Juan Casares, presidirá o xoves 22 en Lugo o cambio de nome da antiga Escola de Maxisterio, que desde decembro de 2011 pasou a denominarse oficialmente Facultade de Formación do Profesorado tras a súa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. O acto, que leva por título ‘De Escola Normal de Mestres a Facultade de formación do Profesorado. 1842-2011’, servirá tamén para facer un percorrido pola historia deste centro que, desde a súa creación hai 170 anos, foi obxecto de sucesivos cambios de localización e nome ata a súa recente conversión en Facultade. No acto intervirán tamén, ademais do reitor, o decano da Facultade, Francisco Rodríguez Lestegás, e o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira. Así mesmo o director do centro entre 1967 e 1979, Joaquín Marbán Román, dará lectura ao relatorio ‘Sobre la comunicación’. Con motivo desta transformación en Facultade, realizarase un acto de homenaxe ás seis persoas que estiveron á fronte da institución desde a década de 1960 ata o ano 2011. Ademais do propio Joaquín Marbán Román, recoñecerase o labor de Dolores Suárez Fernández, José Manuel Vez Jeremías, José Antonio García Gandoy, Eugenio Otero Urtaza e Modesto Rodríguez Neira.