Pasar al contenido principal

A USC debate este mércores sobre a igualdade de oportunidades nun acto conmemorativo do Día Internacional das Mulleres

Na mesma xornada recoñecerase a traxectoria a prol da igualdade do Seminario Mulleres e Universidade

A Universidade de Santiago celebrará este mércores 7 o Día Internacional das Mulleres cun acto conmemorativo no que se recoñecerá o esforzo do Seminario Muller e Universidades da USC e se debaterá acerca da igualdade real entre homes e mulleres, desde dous enfoques, o da USC e o da sociedade en xeral. O acto comezará ás 17.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa entrega dunha placa con mención honorífica ao Seminario Mulleres e Universidade pola súa traxectoria en prol da igualdade de oportunidades na USC. No seu nome, e para agradecer o recoñecemento, intervirá a catedrática do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular, Montserrat Nogueira Álvarez. A mesa redonda tratará a igualdade de oportunidades desde dous enfoques, o da USC e o da sociedade en xeral. Moderada pola profesora Elena Vázquez Cendón, participarán nela o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán Villa; o responsable da área de asesoramento do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Bermúdez Blanco; e os profesores Marcelino Maneiro Maneiro e Lourenzo Fernández Prieto. A continuación, haberá un debate con todas as persoas asistentes.

Ademais dos cargos representativos da Universidade, ao acto asistirán a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galícia, Susana López Abella, e a concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego de Santiago de Compostela, Paula Prado Del Río.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.03.2012.