Pasar al contenido principal

O reitor Juan Casares subliña a contribución das universidades á reformulación do modelo de desenvolvemento económico

De esquerda a dereita, Francisco Durán, Sara Cantorna, Manuel Puga, Juan Casares, Pedro García Herradón, Carmen Fernández Morante e Benita Silva
De esquerda a dereita, Francisco Durán, Sara Cantorna, Manuel Puga, Juan Casares, Pedro García Herradón, Carmen Fernández Morante e Benita Silva
Foi no transcurso do acto académico co gallo de San Tomé de Aquino, celebrado na Escola Politécnica Superior de Lugo

A crise económica, financeira e social establece un difícil contexto para as institucións de educación superior nos vindeiros anos, non obstante o seu papel será “esencial na reformulación do modelo de desenvolvemento económico e na procura de solucións aos problemas que na actualidade estrangulan o crecemento e o benestar”, dixo o reitor Juan Casares no seu discurso pronunciado co gallo da festividade de San Tomé de Aquino, patrón da Universidade, nunha sesión protocolaria na Escola Politécnica Superior de Lugo. O reitor compostelán considera que neste contexto, as universidades deben facer un “grande esforzo para deseñar estratexias que aseguren a súa viabilidade e competitividade e a súa contribución a un desenvolvemento sostible”.

De acordo co subliñado na Estratexia Universidade 2015 –folla de ruta para a modernización do Sistema Universitario Español- ou no documento da Comisión Europea ‘Europa 2020: unha estratexia para un crecemento intelixente, sostible e integrador’, Casares lembrou que o Plan Estratéxico 2011-2020 da USC articula plans de accións que axuden a recuperar o equilibrio no seno da institución e a apoiar o inicio da recuperación do sistema económico baixo un obxectivo común e global de consecución dun desenvolvemento sostible.

No período definido por este documento estratéxico, o reitor lembrou que a USC debe ser capaz de lograr o compromiso e a motivación de todos os membros da comunidade universitaria, sen cuxa implicación e achega “non seríamos quen de abordar os importantes retos que nos rodean”. A ese punto de partida, o reitor vinculou “outros moitos obxectivos e compromisos” que concretou en acadar unha axeitada dotación de recursos, mellorar a eficacia na xestión, consolidar unha adaptación racional ao EEES e o EEI, adaptación ás novas esixencias da sociedade, acadar un bo emprazamento no ámbito internacional, incrementar a competitividade, garantir o cumprimento do obxectivos do Campus de Excelencia Internacional, reforzar os lazos de colaboración con outras institucións públicas e privadas e co mundo empresarial, contribuír á transformación do modelo de desenvolvemento e benestar e iniciar un proceso de crecemento e expansión.

Fronte ao recoñecemento de que “os retos a afrontar son grandes e o avance non será sinxelo” Juan Casares apelou á USC como “unha institución viva, dinámica, movida fundamentalmente polo esforzo e ilusión das persoas que axudan ao cumprimento da súa misión e que teñen demostrado unha enorme capacidade de adaptación e compromiso nun contexto no que non sempre contaron co apoio necesario, os recursos axeitados e o recoñecemento debido”.

Partícipes e corresponsables
A responsabilidade social universitaria foi outros dos argumentos centrais da intervención do reitor. “Unha universidade socialmente responsable debe perseguir como obxectivo fundamental crear valor para todos os seus grupos de interese, promovendo valores de igualdade, liberdade e solidariedade e de respecto polo noso contorno”, dixo. Neste eido, a USC xa ten mostrado “un forte compromiso” nos pasados anos máis “debe facer un esforzo maior para consolidalo e poñelo en valor”.

A súa futura orientación debe superar a concepción inicial como filantropía ou extensión universitaria e, en opinión de Casares, despregarse como un compromiso “transversal, plural, progresivo e multidimensional”, referido tanto ao conxunto das actividades do mundo universitario como a súa proxección social. Tomando como referencia esta orientación, o reitor apunta que a USC debe reforzar o seu compromiso coa responsabilidade social a través dunha estratexia de xestión global e integradora que permita tomar en consideración os intereses de todos os membros da comunidade universitaria e facelos partícipes e corresponsables das decisións de goberno.

A meta será garantir un axeitado equilibrio entre os resultados académicos e de investigación, económico-financeiros, culturais, sociais e ambientais, “e transmitindo á sociedade os logros en todos estes eidos, facendo patente a contribución que a institución fai á sociedade en termos de creación de valor”. Para isto último, Casares considera necesario o desenvolvemento e mellora das ferramentas e mecanismos de comunicación e rendición de contas que permitan a difusión das actividades dentro e fóra do contexto universitario, na procura do “recoñecemento social que a universidade precisa e merece”.

Lección maxistral
Nesta ocasión, a tradicional lección maxistral da xornada estivo dedicada á utilidade da biometría aplicada á prevención de incendios forestais, tema que desenvolveu o profesor Juan Gabriel Álvarez González. No Salón Isaac Díaz Pardo da EPS de Lugo, ademais da totalidade do equipo de dirección da USC, do presidente do Consello Social e dunha nutrida representación de responsables de centros de Santiago e Lugo, déronse cita numerosas personalidades políticas, académicas e sociais da cidade luguesa e de Galicia.

O profesor Juan Gabriel Álvarez González disertou na lección maxistral sobre a utilidade da biometría aplicada á prevención de incendios forestais A sesión celebrouse na Escola Politécnica Superior de Lugo

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.01.2012.