Pasar al contenido principal

A Facultade de Ciencias da Educación homenaxea cunha exposición bibliográfica ao profesor Herminio Barreiro

A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago acollerá durante todo o mes de febreiro unha exposición bibliográfica arredor da obra do que foi o seu profesor, Herminio Barreiro Rodríguez.

A exposición inaugurarase na Sala Frei Sarmiento da Facultade (Campus Vida) logo dunha mesa redonda a celebrar ás 10.00 horas no salón de actos coa participación do profesor Uxío Urtaza; do director da Revista Sarmiento, o profesor Narciso de Gabriel; e de Cristina Cabada, co responsable da mostra.

Herminio Barreiro
Herminio Barreiro (1937-2010) naceu en Dorrón, Pontevedra. Estudou Filosofía e Letras en Madrid e foi profesor desde 1976 na Facultade de Ciencias da Educación da USC, na área de Historia da Educación. Dende a súa mocidade colaborou habitualmente na prensa. Os seus traballos xornalísticos dos anos 1989-1992, publicados maioritariamente en La Voz de Galicia, foron recollidos no libro Retallos para un tempo distinto, publicado en 1992.

A firme convicción ideolóxica de Herminio Barreiro e a súa vocación literaria revélanse na súa aproximación á realidade nos escritos na prensa e nas súas achegas noutras publicacións de diversa índole. A súa obra literaria de máis calado é Recordar doe, texto cualificado por Manuel Bragado como un dos referentes dentro da prosa memorialista galega.

A mostra
A exposición componse de dúas seccións diferenciadas que se presentan en vitrinas en torno a unha hemeroteca central na que se exhiben publicacións en prensa de Herminio Barreiro que poden ser consultadas libremente.

A primeira sección dedícase á súa produción bibliográfica, que comeza coas primeiras colaboracións en prensa na súa mocidade e continúa cos seus traballos como docente e investigador na Universidade de Santiago, organizadas en torno ás diversas liñas de estudo e investigación que desenvolveu. Recóllese tamén neste apartado unha mostra dos seus escritos de análise política ou de índole literaria.

A segunda sección ofrece unha mostra bibliográfica elaborada a partir dunha selección de obras citadas por este autor no seu libro de memorias Recordar doe publicado en 2008, acompañadas das citas ou dos comentarios que nestas memorias suscitaron os volumes expostos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.01.2012.