A Cátedra Juana de Vega da USC concede os seus premios de investigación en humanidades e ciencias sociais
O alumno da USC Francisco Leira Castiñeira e o investigador Steven Forti son os gañadores da quinta edición dos premios de investigación convocados pola Cátedra Juana de Vega da USC para investigacións académicas realizadas no marco das ciencias sociais e as humanidades. O traballo de Steven Forti, denominado El peso de la nación. Nicola Bombaci, Paul Marion y Óscar Pérez Solís en la Europa de entreguerras, foi o elixido dentro da categoría de teses de doutoramento. Os membros do xurado destacaron nesta investigación “a orixinalidade tanto do tema como do enfoque, así como a completa relación de fontes e a cantidade e calidade das referencias bibliográficas”. O premio está dotado con 6.000 euros, ademais da publicación do traballo. A Cátedra entregou tamén un segundo galardón ao estudante da USC Francisco Leira Castiñeira, na modalidade de traballos fin de máster á que podía concorrer alumnado do posgrao en Historia Contemporánea de diversas universidades españolas. O estudo, que leva por título La consolidación social del franquismo. La influencia de la Guerra Civil en los “soldados de Franco” (1936-1940), foi seleccionado polo xurado pola súa “exhaustiva presentación dos estados da cuestión, a claridade na definición dos obxectivos e o meritorio traballo de pescuda arquivística desenvolvido”. Neste caso o premio en metálico é de 2.000 euros, e inclúe tamén a edición do traballo. A Cátedra Juana de Vega traballa desde o ano 2005 (en colaboración co Departamento de Historia Contemporánea e de América) para o desenvolvemento de actividades de investigación, formación, debate e investigación sobre pensamento ilustrado e proxecto político liberal, a achega da muller a estes ámbitos e as iniciativas e procesos normalizadores do agro galego desde o século XIX ata a actualidade. Deste xeito, a Cátedra contempla actividades que van desde o financiamento de bolsas pre e postdoutorais para a investigación nestes temas, a organización de seminarios e congresos e a edición de obras orientadas á divulgación dos traballos realizados dentro da súa área de investigación, ademais da convocatoria destes galardóns. O xurado, que outorgou ambos os premios por unanimidade, estivo conformado polo director da Cátedra, Justo Beramendi; Xosé Ramón Veiga, secretario da entidade; e a profesora María Jesús Baz.