Pasar al contenido principal

Últimas semanas para participar nos X Premios á Introdución da perspectiva de xénero da USC

Cartel da convocatoria
Cartel da convocatoria
Poderanse presentar propostas ata o 5 de setembro
Lugo, Santiago de Compostela

Os Premios á Introdución da perspectiva de xénero da USC alcanzan a súa décima edición, constituída nunha acción consolidada entre as políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes concretamente en dúas das principais facetas da actividade de xeración e difusión do coñecemento como son a docencia e a investigación. Esta iniciativa foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘ Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ de entre máis de 50 de toda a Unión Europea. Ademais está incluída na ferramenta en liña (GEAR tool) de apoio a organizacións investigadoras na creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.

A presentación de candidaturas poderá realizarse ata o próximo 5 de setembro. O xurado presidirao a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, e conformarao ademais a directora do ICE, Ana Mª Porto; dous membros do PDI da USC de diferentes áreas de coñecemento e a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero, Eva Aguayo.

A convocatoria contempla dúas posibles modalidades de participación, dirixidas en ambos casos a membros e equipos de persoal docente e investigador da USC. A primeira para as accións innovadoras dirixidas á inclusión da perspectiva de xénero na docencia na USC. O seu contido debe tratar sobre unha experiencia educativa innovadora realizada no ámbito da USC nos últimos tres anos. Deberá incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na Universidade e terase en conta que sexa susceptible de ser trasladada a outros contextos de ensino superior.

Na modalidade investigadora, premiaranse aqueles traballos de investigación desenvolvidos nos últimos tres anos en calquera ámbito de coñecemento que inclúan a perspectiva de xénero na formulación de hipótese, deseño e proxecto, metodoloxía e implementación da investigación, así como na publicación de resultados obtidos. Para cada unha das modalidades outorgaranse ata tres premios cunha dotación económica de 1.000, 750 e 500 euros respectivamente. Os primeiros premios de cada modalidade están financiados polo Concello de Santiago.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.12.2019.