Pasar al contenido principal

A comunidade científica española de química biolóxica reúnese por vez primeira esta semana na USC

Na I Reunión Bienal do Grupo de Química Biolóxica da Real Sociedade Española de Química participan especialistas de renome internacional

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da USC recibe este xoves 8 a máis de 140 expertos en química biolóxica, área de gran auxe mundial fronteira entre a química e a biomedicina que investiga os procesos biolóxicos desde unha perspectiva molecular i en base á utilización de técnicas e ferramentas químicas. O persoal investigador que traballa nesta área constituíu recentemente o Grupo de Química Biolóxica da Real Sociedade Española de Química, cuxos primeiros presidente e tesoreira son José Luis Mascareñas e Concepción González Bello, docentes da USC e membros do CIQUS. Esta rede discutirá esta semana, os días 8 e 9, en Santiago os últimos avances e as perspectivas futuras da investigación na súa primeira reunión bienal. A cerimonia de apertura terá lugar ás 15.00 horas na Aula Magna da Facultade de Bioloxía presidida polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González García, e o presidente da RSEQ, Jesús Jiménez Barbero. Ao acto seguiralle a conferencia inaugural impartida polo profesor Thomas Carell, un líder mundial no campo dos ácidos nucleicos e da ciencia das proteínas. No conclave intervirán catro científicos de renome internacional. O profesor Shankar Balasubramanian, da Universidade de Cambridge (Reino Unido), foi o coinventor da tecnoloxía de secuenciación do xenoma, comercializada pola multinacional Solexa Illumina, que permite a lectura de alta calidade de mil millóns de bases por varrido case sen errores. Pola súa banda, os profesores alemáns Oliver Seitz da Humboldt de Berlín e Thomas Carell da Ludwig Maximilians de Múnic son líderes mundiais no campo dos ácidos nucleicos e da ciencia das proteínas. Entre as súas investigacións destaca o desenvolvemento de sistemas artificiais que permiten o estudo dos danos producidos no ADN, un proceso responsable do inicio do cancro e outras enfermidades. Por último, o profesor Modesto Orozco, da Universidade de Barcelona, é especialista na simulación por ordenador dos sistemas biolóxicos. A reunión contará ademais coa participación doutros tres conferenciantes convidados e numerosos investigadores que presentarán setenta comunicacións.

Esta reunión, organizada polos docentes do CIQUS José Luis Mascareñas, Concepción González Bello, Miguel Vázquez e Eugenio Vázquez está financiada polo anterior Ministerio de Ciencia e Innovación, o Grupo Especializado de Química Biolóxica da RSEQ e a Real Sociedade Española de Química e conta co patrocinio das empresas Galchimia, Lilly, Cienytech, Fisher Scientific e Praxair.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.03.2012.