Un novo ciclo de cinema catalán trae a Santiago a máis recente produción en versión orixinal
Tras o ciclo de documentais cataláns organizado en 2010, a Área de Filoloxía Catalá da Universidade de Santiago de Compostela ofrece esta semana un novo ciclo de cinema co obxecto de continuar amosando a máis recente produción cinematográfica catalá e así levar a súa lingua e cultura alén das aulas. Terá lugar os seráns dos días 8, 9, 15 e 16 de marzo no salón de actos da Facultade de Filosofía, a excepción da última das sesións que se celebrará na sala Mozart do Auditorio de Galicia. Como na anterior edición, o xénero documental volve ser o principal foco de atención, reflectindo a gran relevancia que este ten nas producións da última década, nomeadamente no ámbito catalán. Mais a novidade desta volta vén dada pola inclusión do formato da curtametraxe, con dous exemplos de crónica nostálxica que á vez que convidan a rememorar tempos pasados son de gran importancia para o presente dos seus protagonistas: Picassent, records d’un temps passat, producida pola USC e dirixida pola profesora da Universidade de Vigo Anna Amorós, será a obra coa que se inaugurará o ciclo este xoves 8 ás 20.00 horas en Filosofía, á que lle seguirá un coloquio coa directora e coa co guionista Olga Fontán moderado polo profesor Luis Hueso. A outra curta, coa que rematará o ciclo o venres 16 no Auditorio, é Pau Riba. Jo, la donya i el gripau, do director Isaki Lacuesta, recentemente galardoado coa Concha de Oro no Festival de San Sebastián polo filme Los Pasos Dobles. Precisamente Picassent é Entre as longametraxes, o venres 9 proxectarase o aclamado documental Garbo. El espía de Edmon Roch (Giraldillo de Oro 2009, Gaudí e Goya 2010) que relata de xeito orixinal o sorprendente engano levado a cabo polo dobre axente da II Guerra Mundial Joan Pujol, que contribuiría decisivamente á derrota do nazismo. De temática ben diferente, María y yo (a proxectar o xoves 15), de Félix Fernández de Castro, adapta para o cinema a premiada novela gráfica de Miguel Gallardo que narra a convivencia do propio Gallardo, a súa filla María e a síndrome de autismo que ela padece. Finalmente, e fóra xa do xénero documental, o ciclo complétase coa comedia Mil cretins de Ventura Pons, unha nova proposta de lectura cinematográfica dos relatos do coñecido escritor catalán Quim Monzó. Presenza dos directores Ao longo do ciclo contarase coa presenza en Compostela dalgúns dos responsables dos filmes, destacando os directores Isaki Lacuesta e Santiago Fillol, este último ademais profesor de Comunicación Audiovisual na Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, que ofrecerá unha charla-coloquio sobre as últimas tendencias do cinema catalán.
O cicloconta coa colaboración do Centro de estudos fílmicos da Universidade de Santiago de Compostela (Cefilmus) e o apoio do Institut Ramon Llull, a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua e o Concello de Santiago.