O experto en electromagnetismo Giorgio Franceschetti analiza a Seguridade Nacional nos Estados Unidos logo do 11-S
O reputado científico experto en antenas e cuestións relacionadas coa seguridade no eido da electromagnética Giorgio Franceschetti pronunciará este martes unha conferencia na Facultade de Física na que analizará a Seguridade Nacional nos Estados Unidos a raíz dos atentados do 11-S e como cambiou a súa concepción. Na súa intervención, ás 11.00 horas na Aula Magna do centro, Franceschett explicará o concepto ‘Homeland Security’ (Seguridade Nacional) que nace oficialmente o 11 de setembro de 2001 e que supuxo un cambio estratéxico na maneira de entender e implementar todas as cuestións relacionadas coa seguridade. Como explicará este martes, inicialmente a seguridade se limitaba á vixilancia das ameazas terroristas para estenderse logo á previsión e á posible limitación dos danos xerados por desastres naturais. Máis recentemente recoñeceuse a necesidade de mellorar a resistencia das arquitecturas real e virtual que son a base da sociedade actual asegurando ao tempo o pleno respecto á intimidade. Precisamente é neste campo onde se manexa con solvencia o profesor italiano, merecedor de numerosos premios de carácter internacional que hoxe desenvolve a súa actividade investigadora nun proxecto relacionado con radares e seguridade. De aí que na conferencia se dispoña a clasificar posibles ameazas á vez que formular algún caso real no que quede patente a diferente concepción que hoxe se ten no mundo das palabras ‘patria’ e ‘seguridade’. Giorgio Franceschetti é profesor emérito da Universidade Federico II de Nápoles, científico visitante distinguido no Jet Propulsion Laboratory da NASA e presidente do Instituto Italiano de Navegación.