Pasar al contenido principal

O CEA acolleu a presentación ás universidades de Galicia, Asturias e Cantabria dun acordo estatal para a adaptación da lexislación de prevención de riscos

De esquerda a dereita, Juan Mariñas, Felipe Batuecas, Lourdes Batán e Antonio Serrano
De esquerda a dereita, Juan Mariñas, Felipe Batuecas, Lourdes Batán e Antonio Serrano

O Centro de Estudos Avanzados da USC foi o escenario elixido para a presentación ás universidades de Galicia, Asturias e Cantabria do acordo do Consello de Universidades para a adaptación específica da lexislación de prevención de riscos laborais ao ámbito universitario, aprobado o pasado mes de setembro.

A presentación correu da man do coordinador da Comisión Nacional de Prevención de Riscos Laborais no ámbito universitario e conselleiro técnico da Secretaría Xeral de Universidades do Ministerio de Educación, Felipe Batuecas. Acompañábano a xerenta da USC, Lourdes Batán; o director da Área de Prevencións de Riscos Laborais da Universidade Rey Juan Carlos, Antonio Serrano; e Juan Mariñas, do Servizo de Prevención de Riscos da USC.

O acordo concreta a aplicación nas universidades da normativa xeral en materia de prevención de riscos laborais que implicará a implantación, a maiores das que xa se executan, de medidas e actividades preventivas en diversos ámbitos da xestión, a docencia e a investigación. Neste senso, os plans de estudo terán que incluír materias transversais de seguridade e saúde laboral e os proxectos de investigación deberán incorporar plans específicos neste mesmo eido, ademais de que se auditará o sistema de xestión de seguridade e saúda laboral das universidades cada catro anos.

Na xornada participaron responsables de centros, departamentos e servizos da USC, así como integrantes do Comité de Seguridade e Saúde, delegados/as de prevención e persoal do Servizo de Prevención de Riscos, así como representantes das universidades da Coruña, Vigo, Oviedo e Cantabria.

Á xuntanza estaban convidados responsables de centros e servizos da USC, así como técnicos neste eido das universidades galegas, asturianas e cántabras

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.01.2012.