Pasar al contenido principal

O programa Stella ofrece ao persoal administrativo das universidades do Grupo Compostela intercambios internacionais de ata dúas semanas

O obxectivo é coñecer o modo de traballar noutras institucións e o intercambio de propostas de boas prácticas

O programa internacional Stella permite ao persoal administrativo das universidades asociadas coñecer o modo en que se desenvolven as súas tarefas noutras institucións así como intercambiar propostas de boas prácticas. Para facelo posible, a través dun programa de mobilidade internacional, o Persoal de Administración e Servizos universitario pode realizar unha estadía de entre unha e dúas semanas de intercambio nalgunha das 69 universidades arredor do mundo que subscriben este programa. O prazo para achegar solicitudes remata o próximo 15 de xaneiro.

Todas as institucións integrantes do Grupo Compostela, entre as que se atopa a USC, están convidadas a participar, o que supón unha implicación potencial de universidades de máis de 30 países diferentes, xa que o Grupo ademais das súas integrantes está asociado con consorcios como FAUBAI (Foro Asesorías das Universidades Brasileiras para Asuntos Internacionais) e CONAHEC (Consorcio para a Colaboración Universitaria Norteamericana). Estas colaboracións abren novas posibilidades de mobilidade cara países tanto de América (Brasil, Canadá, Arxentina, Xamaica,...) como de Asia (Malasia, Corea, Burkina Faso) ou do norte de África.

Consciente da importancia de mellorar a formación do persoal administrativo das institucións membro, o Grupo Compostela incrementou para esta edición o fondo de bolsas destinado ás mobilidades intercontinentais, ascendendo agora ata 14.000 euros. Para acadar máis información ou realizar algunha aclaración respecto desta convocatoria, as persoas interesadas poden poñerse en contacto con Lucia Castro (lucia.castro [at] usc.es (lucia[dot]castro[at]usc[dot]es) ou no 881 8 12871).

Ligazóns relacionados:

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.01.2012.