Pasar al contenido principal

A USC relanza internacionalmente o revolucionario estudo do neurocientífico Justo Gonzalo

De esquerda a dereita, Juan Blanco, Isabel Gonzalo, Francisco González e José Manuel Ferrández
De esquerda a dereita, Juan Blanco, Isabel Gonzalo, Francisco González e José Manuel Ferrández
A edición facsímil de Dinámica cerebral inaugura a «Serie Profesor José Mira Mira en Neurociencia y Computación»

O Servizo de Publicacións incorporou recentemente ao catálogo da USC a reprodución facsimilar de Dinámica cerebral. La actividad cerebral en función de las condiciones dinámicas de la excitabilidad nerviosa, do neurocientífico Justo Gonzalo Rodríguez-Leal (1910-1986). O volume, baseado en observacións empíricas sobre feridos na guerra civil española, é pioneiro dos máis modernos estudos realizados na Harvard Medical School, en Boston, e noutros laboratorios mundiais que abordan a funcionalidade cortical.

A obra, de máis de 900 páxinas nun volume en tapa dura, incorpora o facsímile das tres entregas da investigación de Gonzalo, orixinalmente editadas polo Instituto Ramón y Cajal do CSIC en 1945, 1950 e 1952, e que hoxe, á vista das máis recentes investigacións no eido das relacións entre computación natural e artificial, cobra inusitada vixencia, actualidade e interese, como se explica no prefacio. A súa reedición levouse a cabo no marco dun convenio de colaboración entre a USC e a Rede Temática Nacional en Tecnoloxías de Computación Artificial/Natural (RTNAC) que forman más de 130 investigadores de sete universidades, entre elas a compostelá.

Teoría inédita
Gonzalo postulou unha teoría inédita no seu tempo que falaba de integración sensorial sobre a base de gradientes e facilitación ou sumación multisensorial. No volume faise unha descrición exhaustiva de pacientes con danos cerebrais e importantes secuelas neurolóxicas. Do seu estudo, Gonzalo comprobou que neles algunhas percepcións se modificaban en función do que estivesen facendo nese instante. De aí que Gonzalo propuxese, contradicindo os postulados teóricos do momento, que o cerebro funciona de maneira conxunta, globalmente.

A reedición da obra supón o relanzamento internacional dun extraordinario estudo, revolucionario no seu momento e que cobra importancia na actualidade. Neste sentido, a «Serie José Mira Mira en Neurociencia y Computación» -que esta edición inaugura e que leva o nome de quen foi catedrático da USC na década dos oitenta- busca recompilar os mellores textos daqueles científicos de excelencia, pioneiros en aunar as liñas de investigación en computación natural e artificial.

O volume presentouse este xoves no Colexio de Fonseca nun acto no que participaron a filla do investigador, Isabel Gonzalo Fonrodona, profesora do Departamento de Óptica da Complutense e responsable da edición; o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González; o presidente da RTNAC, José Manuel Ferrández; e o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco.

Todos eles coincidiron en sinalar a obra de Gonzalo como un traballo científico excepcional, “ exemplo do gran mérito dunha xeración de científicos que nunha época de moita escaseza foron quen de sacar adiante importantes investigacións”, puntualizou o vicerreitor.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.01.2012.