Pasar al contenido principal

O programa de conciliación Verán CampUSC afronta a súa segunda quenda

Detalle dunha das actividades desenvolvidas nestes primeiros días. Foto: Fundación USC Deportiva
Detalle dunha das actividades desenvolvidas nestes primeiros días. Foto: Fundación USC Deportiva
Unicamente quedan prazas dispoñibles na quenda do 22 ao 31 de xullo
Santiago de Compostela

O programa de conciliación Verán CampUSC afronta a súa segunda semana de funcionamento dirixido a rapaces e rapazas de entre 3 e 13 anos de idade. Na súa segunda quenda, que se estenderá ata o 12 de xullo, o programa combina xogos e deportes tradicionais, coma o baloncesto, o atletismo ou voleibol, con outros menos habituais, coma o kung fu, xogos con paracaídas, quidditch ou jugger. Nesta ocasión serán os rapaces de mediana idade os que gocen da actividade en inglés, con saídas á piscina Fontes do Sar e a Catoira.

O Verán CampUSC comezou o pasado 24 de xuño con 100 rapaces e rapazas de entre 3 e 13 anos de idade. Nesa primeira quenda, ademais de facer numerosos xogos e actividades deportivas como kárate, colpbol, zumba, fortnite ou autodefensa, fixeron tamén dúas saídas: unha á piscina Fontes do Sar e outra ao Monte do Gozo. Os máis pequenos tamén tiveron unha pequena representación teatral en colaboración con Kids & Us. Nestes momentos están xa todas as quendas cubertas agás a cuarta, do 22 ao 31 de xullo. O Verán CampUSC rematará o 10 de setembro.

Veran CampUSC
Ao longo do programa amósaselles aos participantes as bases dunha importante cantidade de xogos e deportes atendendo ás particularidades das súas idades e desenvolvemento psíquico-físico. Os promotores de Verán CampUSC sosteñen que a práctica de actividades físico-deportivas resulta beneficiosa, non só no plano da saúde, senón tamén como vía para inculcar dun xeito lúdico os valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, dedicación e respecto ás normas que, sen dúbida, resultarán de utilidade para a vida cotiá.

Entre outras, os rapaces e rapazas realizarán deportes de raqueta e de loita, psicomotricidade, deportes colectivos, sendeirismo, acrosport, xogos predeportivos e populares, entre outros. Dentro das actividades de ocio e tempo libre inclúense diferentes obradoiros con diversas técnicas e materiais (modelaxe, pintura, recortables ou papiroflexia), cancións, xogos cooperativos, actividades en favor da igualdade e visitas a lugares significativos da cidade e da súa contorna.

Esta é unha actividade que organiza a Fundación USC Deportiva coa colaboración da Oficina de Igualdade de Xénero e do Servizo de Deportes da USC e da Concellaría de Igualdade de Santiago.

O programa contempla múltiples actividades, tanto nas instalacións da USC como no exterior. Foto: Fundación USC Deportiva

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.01.2020.