O quinto concerto do Ciclo de novos Intérpretes reúne a Iria Castro, Rosalía Becoña e Alberto Varela
Iria Castro Real á frauta e Rosalía Becoña e Alberto Varela, pianistas, tomarán este martes 14 o relevo do XIV Ciclo de Novos Intérpretes que organizan a Asociación Galega de Lírica Teresa Berganza en colaboración coa USC. Quinto concerto do ciclo, esta cita musical comezará ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade con entrada libre. Novos músicos de toda Galicia están a intervir ata finais de marzo nun ciclo no que a música de cámara é a protagonista e na que se poden escoitar intérpretes dunha gran variedade de instrumentos (piano, violín, clarinete, violoncello, saxofón, ...), canto e grupos de cámara pouco habituais (dúo de violoncellos, trío de frauta, clarinete e piano, dúo de frautas, ...). Como desde a súa primeira edición, o ciclo está especialmente dedicado aos máis novos intérpretes galegos e residentes en Galicia para que comecen a adquirir experiencia e a achegar a música ao público máis novo. Trece anos de historia e máis de catrocentos participantes avalan xa unha sólida traxectoria dunha convocatoria pensada a prol da difusión da música e para prestar un pequeno pero imprescindible apoio ao futuro da música en Galicia, aos novos valores.