O reitor Juan Casares explica en Uzbekistán a Estratexia española ‘Universidade 2015’
O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, asiste estes días en Tashkent, capital da República de Uzbekistán, á Conferencia Internacional Xeracións educacional e intelectualmente preparadas, condición indispensable para o desenvolvemento sostible e a modernización dun país. Nela, Casares foi o encargado de pronunciar a conferencia ‘Prioridades da educación superior e da Estratexia española Universidade 2015’, fíxoo diante de reitores e responsables de universidades de máis de 50 países. De España asistiu á Conferencia, xunto con Casares Long, o reitor da Universidade de Barcelona. O reitor da USC, presidente da Comisión de Internacionalización e Cooperación das Universidades Españolas da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas, explicou na súa intervención como as universidades e institutos públicos de investigación de España teñen un papel estratéxico na configuración dunha economía “máis sostible e responsable” a través da creación, difusión, transferencia e socialización do coñecemento. Transformar a economía actual nun sistema produtivo impulsado pola innovación, creatividade e coñecemento require, en opinión de Casares, “un equilibrio entre educación, investigación e innovación”, o que converte ás universidades públicas en “actores clave para o cambio no modelo social e económico”. De aí, apunta, “que a educación ao máis alto nivel de xeracións de mozos e mozas, futuros profesionais cualificados, pero tamén decisores en economía, negocios, cultura e política, sexa fundamental para o desenvolvemento dun país”. Para nutrir o cambio na eficiencia e eficacia social epara reforzar a achega socio-económica do sistema universitario, España está a aplicara Estratexia Universidade 2015’ que, baseada no principio de responsabilidade académica colectiva, debe ser entendida como unha serie de medidas conducentes a acadar a integración das universidades no marco do Espazo Europeo de Educación Superior e a súa participación no Espazo Europeo da Investigación así como a transferencia decoñecemento á industria, a promoción de procesos de extracción de valor a partir de resultados de investigación e a participación en actividades de innovación e orixinarios de novos procesos, matizou. Un dos principais obxectivos da estratexia, explicou, é reforzar os puntos fortes do sistema universitario español para poñer as principais universidades de Europa entre os top 100 en rankings internacionais. A través da agregación, especialización, diferenciación e internacionalización búscase promover campus globalmente máis competitivos, capaces dun maior prestixio internacional. Neste contexto, o reitor fixo especial fincapé na rede de Campus de Excelencia Internacional española na que a USC entrou das primeiras co seu Campus Vida e logo participou no Campus do Mar que lidera outra universidade galega, a de Vigo. A Estratexia Universidade 2015 divídese en catro áreas -misións, persoas, capacitación e medio ambiente- que á súa vez se estruturan en liñas de acción a desenvolver por cada universidade, e no seu conxunto, co horizonte en 2015. Estes propósitos, advertiu o reitor, deben ir parellos á cooperación co contorno máis inmediato en aras de aproveitar sinerxías que aumentena rendibilidade desexada. As prioridades do ensino superior en España, concluíu Casares, “están agora claramente definidas por unha estratexia común que reforzará a modernización e a racionalización do funcionamento da universidade así como mellorará a innovación e a transferencia de coñecemento”. Cooperación de anos A Universidade de Santiago foi a primeira universidade galega que acadou o programa ‘Erasmus Mundus, External Cooperation Window’ da Comisión Europea, grazas ao que estudantes de Kirguistán, Turkmenistán, Uzbekistán e Tayikistán cursaron estudos na institución compostelá. Con esta iniciativa búscase a mobilidade entre todos os membros da comunidade universitaria da Unión Europea e Asia Central para así facilitar o entendemento entre os pobos, fomentar a adquisición de titulacións europeas, desenvolver a cooperación entre os centros de ensinanza superior da Unión e de terceiros países e mellorar a súa visibilidade.