Arredor dunha trintena de deportistas participan no campionato anual de xadrez da USC

Os días 22 e 23 celébrase no Colexio de Fonseca o campionato universitario de xadrez, organizado polo Servizo de Deportes desta institución. As partidas desenvolveranse no comedor do colexio, ao que se accede a través do claustro do edificio.
Na competición toman parte arredor dunha trintena de deportistas, todos eles pertencentes á comunidade universitaria e divididos en dúas categorías: xogadores acollidos ao sistema de puntuación ELO e xogadores de promoción, esta última para os xadrecistas de nivel máis amateur.
O campionato dispútase a cinco roldas distribuídas nas xornadas do día 22 pola tarde e o do día 23, neste caso en sesións de mañá e tarde. Ao remate da derradeira rolda terá lugar a entrega de premios aos gañadores de cada unha das categorías.
Xosé Luís Veiga, coordinador do Servizo de Deportes da USC, destaca “a estreita relación que sempre houbo entre a práctica do xadrez e a comunidade universitaria, e máis concretamente coa USC, que tradicionalmente foi unha das potencias neste deporte no ámbito nacional”.