Pasar al contenido principal

A era romántica do Museo do Prado será obxecto de análise no Paraninfo de Xeografía e Historia

Será dentro do ciclo anual que organizan as fundacións de Amigos del Museo del Prado e a Barrié de la Maza e que por vez primeira se celebra na USC

O ciclo que dende 1999 celebran anualmente as fundacións de Amigos del Museo del Prado e a Barrié de la Maza chega por vez primeira á USC onde este xoves 1 de marzo o Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia acollerá a primeira conferencia dun ciclo dedicado á era romántica no Museo do Prado.

Esta é unha iniciativa, xa afianzada no tempo e con vocación de futuro, que ofrece aos investigadores e persoas interesadas a oportunidade de coñecer de primeira man a especialistas en conservación e historia da arte de primeira liña internacional. Nesta quenda, o ciclo relaciona estreitamente a arte romántica realizada dentro e fóra de España e profunda en todos os debates estéticos, artísticos, culturais e sociais que xurdiron durante a era romántica. ‘A viaxe de inverno do romanticismo musical’ é a conferencia que abrirá o ciclo da man do ensaísta de temas musicais Juan Ángel Vela del Campo, nun acto que comezará ás 20.00 horas no Paraninfo da USC. Enxeñeiro superior en Telecomunicacións, escribe no diario El País como crítico e ensaísta dende 1987. É o único español que recibiu o Premio Internacional da Crítica en Música e Teatro do Fondo de Cultura de Salzburgo. Ademais é o director cultural do proxecto Tutti Verdi da Asociación Bilbaína de Amigos da Ópera, ademais de ter sido con anterioridade director executivo do programa ‘Ópera Dixital’ do Teatro Liceo de Barcelona, entre outros cargos. A seguinte sesión do ciclo será a vindeira semana, o xoves 8 de marzo, cando a xefa do Departamento de Pintura do século XVIII e Goya do Museo do Prado, Manuela B. Mena Marqués, ofreza a conferencia ‘Goya cara o romanticismo’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.02.2012.