Pasar al contenido principal

Unha investigación da USC achega novos datos sobre a resposta ocular dos usuarios de lentes de contacto

Javier González Pérez, membro do grupo de investigación, recibiu por este traballo o premio da Sociedade Española de Optometría ao mellor relatorio
Javier González Pérez, membro do grupo de investigación, recibiu por este traballo o premio da Sociedade Española de Optometría ao mellor relatorio
O profesor Javier González Pérez, da Facultade de Óptica e Optometría, recibiu por este estudo o premio da Sociedade Española de Optometría ao mellor relatorio

O grupo de investigación en Superficie Ocular e Lentes de Contacto da Facultade de Óptica da USC desenvolveu un estudo que contribúe a coñecer os motivos polos que as persoas que utilizan lentes de contacto se adaptan ben a elas ou, pola contra, deciden deixar de usalas polas incomodidades que perciben. Este grupo de traballo, apoiado nas súas investigacións, suxire que se pode realizar unha previsión do grao de adaptación dun usuario de lentes de contacto a partir do estudo da variación da concentración de diferentes moléculas na superficie ocular. O equipo do que forma parte Javier González dispón de métodos fiables para a medición da concentración destas moléculas antes e despois do uso de distintas lentes de contacto. Deste xeito, a investigación supón unha importante achega para incrementar o coñecemento da biocompatibilidade e a eficacia das lentes de contacto, así como para o desenvolvemento de estratexias que permitan predicir a resposta ocular en cada paciente. Factores analizados A investigación baséase na análise da resposta ocular dos usuarios en termos de expresión de mediadores da inflamación, factores de crecemento e outras moléculas implicadas na resposta da superficie ocular nas persoas que usan lentes de contacto na súa vida diaria. Trátase dun estudo pioneiro a nivel mundial, xa que ata o de agora non se dispoñía de datos específicos destes parámetros na poboación analizada por este grupo. Este aspecto ten unha especial relevancia no ámbito das ciencias da visión, pois aínda que as lentes de contacto son unha alternativa terapéutica cada vez máis empregada para compensar problemas visuais, tamén se ten detectado unha notable taxa de abandono entre os seus usuarios. Recoñecemento do labor investigador O grupo, dirixido polo doutor Manuel Parafita, conta entre os seus investigadores co tamén doutor Javier González Pérez, quen foi o encargado de presentar o estudo no 22 Congreso Internacional de Optometría, Contactoloxía e Óptica Oftálmica celebrado recentemente en Madrid. Polo relatorio presentado, González Pérez recibiu o premio á mellor comunicación científica outorgado pola Sociedade Española de Optometría. A presentación leva por título ‘Análise dunha serie de marcadores en lágrima en usuarios de lentes de contacto hidroxel-silicona vs. terapia refractiva corneal’ e foi elixida entre máis de 130 candidatas procedentes de diferentes países. Trátase da primeira vez que un traballo de investigación realizado na USC recibe este galardón. Outras liñas de traballo Este mesmo grupo de investigación está a desenvolver outro estudo sobre a precisión, reproducibilidade e fiabilidade de varios instrumentos de uso frecuente nas consultas de atención primaria da saúde visual. A partir dos datos recollidos, os investigadores conclúen que diferentes instrumentos de medida do espesor da córnea proporcionan valores distintos cando se comparan coa paquimetría ultrasónica, considerada o referente da instrumentación empregada para tal efecto. O coñecemento deste aspecto é relevante no proceso de adaptación das lentes de contacto, ou na exploración ocular previa á cirurxía refractiva, de xeito que é esencial para unha correcta práctica clínica coñecer os condicionantes que fan que estes instrumentos proporcionen datos máis o menos fiables.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.02.2012.