Celia Mur e Nono García abren en Lugo a primeira edición do ciclo de concertos Unijazz

O día 27 ás 20.00 arranca o ciclo de concertos Unijazz na Casa do Saber anexa ao edificio da Vicerreitoría do Campus de Lugo. Unijazz é unha nova proposta musical integrada no programa ‘Lugo Cultural’ que organizan conxuntamente a USC e mais o Concello e a Deputación de Lugo. Neste primeiro recital, o dúo composto por Celia Mur e Nono García presenta o seu último disco, Coplas mundanas. A voz de Celia Mur e a guitarra de Nono García conforman un conxunto musical que abrangue un amplo abano de estilos. Así, no seu repertorio conviven desde a tradición americana do blues ou o gospel ata temas emblemáticos música latina e española. O fío condutor desta mestura de influencias atopámola na base jazzística que acompaña todos os seus temas. Pezas orixinais e versións doutros artistas van compoñendo un mosaico no que se poden atopar temas en inglés, castelán, francés e portugués que conducen o espectador desde o fado á bossanova e desde o flamenco á habanera; unha amálgama que os membros do dúo definen como un estilo de “canción planetaria pero, ao mesmo tempo, próxima”. Unijazz busca dar a coñecer, difundir propostas e ampliar a proxección da música e os artistas de jazz entre o público en xeral, e terá aínda dúas citas máis: o día 12 de marzo (Carme Canela & Joan Monné) e o 23 de abril (Abe Rábade Trío). Tanto para este primeiro recital como para os seguintes, a entrada será libre ata completar a capacidade da sala.