Pasar al contenido principal

A fenomenoloxía do acelerador de partículas e dos raios cósmicos centran o debate de medio cento de investigadores de todo o mundo

Carlos Salgado en primeiro termo, xunto a Luis Miguel Varela, Francisco González e Carlos Pajares (de dereita a esquerda)
Carlos Salgado en primeiro termo, xunto a Luis Miguel Varela, Francisco González e Carlos Pajares (de dereita a esquerda)

Os últimos datos obtidos no acelerador europeo de Xenebra reúnen estes días na Facultade de Física a medio centenar de investigadores de todo o mundo para debater sobre a súa interpretación. Concretamente, os investigadores referiranse ao información relativa ao ‘mini bang’ e á creación de materia moi densa a moi alta temperatura (200.000 veces superior á do interior do sol) formada polos constituíntes últimos, quarks e gluóns, e producida nas colisións chumbo-chumbo realizadas a moi alta enerxía no LHC. O encontro arrancou este mércores nun acto que presidiu o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, e no que tamén interviñeron o decano da Facultade, Luis Miguel Varela Cabo; o catedrático Carlos Pajares; e o investigador Carlos Salgado. ‘Hot and dense QCD in the LHC era’ é o lema deste workshop que representa ademais o duodécimo Encontro Lisboa-Compostela, organizado alternativamente nas dúas cidades. Nesta ocasión, a xuntanza forma parte tamén das actividades do programa Starting Grant concedido polo Consello Europeo de Investigación ao investigador Carlos Salgado. O programa comezou coa intervención do propio Salgado, ao que lle seguiu o profesor da USC Néstor Armesto. Pola tarde é a quenda de José Guilherme Milhano, do Centro Multidisciplinar de Astrofísica do Instituto Superior Técnico de Lisboa, ao que seguen Zaida Conesa del Valle, do Laboratoire Leprince-Ringuet; a investigadora da USC Elena Ferreiro; e Jean-Philippe Lansberg, da Universidade de Heidelberg. Esta xuntanza de alcance internacional conta con representación dos diversos países europeos cos que existe unha colaboración ou intereses científicos comúns, en particular na fenomenoloxía do LHC e dos Raios Cósmicos. Máis información en http://igfae.usc.es/indico/conferenceDisplay.py?confId=42.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.02.2012.