Pasar al contenido principal

27 artistas contemporáneos dialogan coa morte na Igrexa da Universidade

27 artistas contemporáneos dialogan coa morte na Igrexa da Universidade
27 artistas contemporáneos dialogan coa morte na Igrexa da Universidade
A exposición ‘73x73x273. A irmá do sono' inaugurouse este xoves en Santiago

73x73x273 son as medidas estándar dun nicho de enterramento e é tamén o título da exposición que este xoves se inaugurou na Igrexa da Universidade en Santiago e que logo viaxará á Capela de Santa María de Lugo. O lema da mostra leva engadido ‘A irmá do sono’, a morte, por iso o emprazamento non podía ser máis apropiado para dar acubillo á obra de vinte e sete artistas que abordan de maneira directa ou tanxencial un feito que dá motivo á reflexión a medida que transcorre o tempo.

Antón Lamazares, Paco Pestana, Eduardo Valiña, Pamen Pereira, Ana Soler, Paulo Neves, Ignacio Pardo, Xurxo Oro Claro, Xaquín Chaves, Álvaro de la Vega, Fernando Páez, Xurxo Lobato, Christian Villamide, Roberto González, David Trullo, Mónica Alonso, Ramón Conde, Manuel Sendón, Fran Herbello, Victoria Diehl, Andrea Costas, Teo Soriano, Xulio Gil, Antonio Blanco, Montse Rego, Ruth Massó e Fernando Yánez conversan nas igrexas, hoxe en Compostela, a mediados de marzo en Lugo, coa irmá do sono. E todos e todas fanno colaborando coa Universidade compostelá "de maneira desinteresada, como unha mostra máis da importancia que cobra o feito de sumar esforzos en tempos complicados como os que estamos a vivir", dixo o vicerreitor da USC Francisco Durán na presentación deste xoves aos medios de comunicación.

A mostra, co preducida coa Deputación de Lugo e comisariada por Cristina Carballeda e Fátima Otero, poderá visitarse na Igrexa Universitaria de luns a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas.

Unha obra coral
Na exposición, Antón Lamazares alude ao entorno eclesial como lugar de emoción, bulicio e choro en ‘E fai frío no lume’, mentres que o maximalismo de Paco Pestana ensambla elementos dispares que conforman o libro da vida, rituais de sacrificio pasados, a base de armar escenografías dun horror vacui. Pola súa banda, Eduardo Valiña escenifica os restos dunha matanza como metáfora dunha perda tanto física como cultural, espiritual e social.

Por outras coordenadas réxense as propostas de Pamen Pereira, que coa súa videoinstalación reflexiona sobre a fraxilidade da existencia e o amor máis aló da morte, e de Ana Soler, cuxa instalación á entrada da nave da epístola alude ao estado de medo permanente pola ameaza da morte sobrevida en calquera instante. As esculturas de Paulo Neves dialogan coas vetas de árbores centenarios para darlles nova vida e brío, mentres que o vídeo de chan de Ignacio Pardo, un corpo bañado en líquido amniótico, fai alusión á expresión “nacemento e mortalla do ceo baixan”. Xurxo Oro Claro fala de inmigrantes e maltrato infantil á vez que a pintura de Xaquín Chaves se centra en feitos lutuosos tratados a modo de réquiems sobre persoas cercanas e queridas.

A mostra continúa coa garabata de tela metálica negra de Álvaro de la Vega e o díptico fotográfico de Fernando Páez “celas”. Outro fotógrafo, Xurxo Lobato, revive co seu santoral ‘Paixón’ o sentimento relixioso que lograron grandes artífices da imaxinería barroca. Baixo a cúpula, Christian Villamide instala unha árbore morta recreando con ironía unha posible resurrección da morte anunciada da contorna.

A idea da viaxe como tránsito necesario á morte é o que presenta Roberto González, mentres que David Trullo se adentra en cemiterios para profanar mausoleos e erixir novos heroes contemporáneos. Noutra liña, Mónica Alonso representa a última morada, un modelo de urna funeraria elixido polo propio usuario cos atributos que lle identificaron en vida.

Ramón Conde relaciona na mostra a morte co eterno retorno a través dunha maternidade iconograficamente diferente e brutal na que a modo de roda tántrica un bebé se alimenta dun esqueleto. Pola súa banda, Manuel Sendón deixa constancia das diferentes maneiras de concibir a morte no rural e o urbano, unha idea que entronca coa obra de Fran Herbello que formula unha homenaxe aos pescadores mortos en naufraxio.

‘Carmencita’ é a proposta de Victoria Diehl, e Andrea Costas aborda a cuestión da idade cunha lembranza á súa avoa. Contrastan estas obras co minimalismo das táboas de Teo Soriano e coa idea da vida tras a morte de Xulio Gil no seu ‘Fénix’. A cámara de Antonio Blanco viaxa ao antigo Exipto con ‘Vixilia’ para render homenaxe aos achados desa civilización.

Complétase a exposición con Montse Rego comulgando co cemiterio deseñado por César Portela en Fisterra, co enorme lenzo de Ruth Massó que aborda con fantasía e humor o tema clásico de vanitas e coa obra de Fernando Yánez que busca a idea do irracional e descoñecido asociado á idea de finitude.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.02.2012.