Pasar al contenido principal

A USC afiánzase entre as dez universidades españolas con maior produción científica de relevancia internacional

A USC afiánzase entre as dez universidades españolas con maior produción científica de relevancia internacional
A USC afiánzase entre as dez universidades españolas con maior produción científica de relevancia internacional
A produción científica realizada en Matemáticas de Santiago ocupa o primeiro posto de todas as universidades españolas por campos

Atendendo á investigación publicada nas revistas internacionais de maior impacto e visibilidade, a USC volve situarse como a primeira das universidades españolas no campo das Matemáticas ao analizar o período 2007-2011. Este indicador forma parte do Ranking I-UGR de Universidades Españolas segundo Campos e Disciplinas Científicas 2012, unha listaxe de universidades públicas e privadas españolas que salienta en que especialidades son más activas e influentes as institucións universitarias. Atendendo ao mesmo criterio de campos, a institución compostelá ocupa o quinto posto en Ciencias Agrarias; o sexto en Tecnoloxías da Información e a Comunicación; sétima en Ciencias Biolóxicas, en Medicina e Farmacia, e en Economía, Empresa e Negocios; oitava en Química e Enxeñaría Química; e novena no campo da Psicoloxía e Educación, estes últimos datos relativos ao período 2002-2011. Segundo os últimos datos rexistrados, a Universidade de Santiago mantense entre as dez universidades públicas e privadas españolas con maior capacidade para xerar coñecemento, xa que no conxunto global se sitúa na novena posición segundo o criterio de Campos no período 2007-2011, repetindo a mesma posición que no período anterior. Por disciplinas científicas Xunto ao resultado por campos, a USC alcance posicións de honra no relativo ás disciplinas, xa que Odontoloxía se sitúa como a terceira de España tanto no período 2002-2011 como entre 2007 e 2011. Séguenlle Farmacia e Toxicoloxía, cuarta nos dous períodos analizados, e Saúde Pública entre 2002 e 2011. Ciencia Política e Informática sitúanse na quinta posición no período longo; mentres que no sexto se situarían o traballo realizado en Bioquímica, Bioloxía Celular e Molecular, en Agricultura e en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. Enxeñaría Química sitúase en sétima posición para o período 2002-2011, seguida de Xenética e Bioloxía Evolutiva, de Medicina, de Veterinaria e Gandería, de Ecoloxía e Ciencias Ambientais, de Química e de Psicoloxía, todas elas no oitavo posto das súas especialidades de entre o conxunto das universidades españolas. Completando as dez primeiras posicións, a produción científica no eido da Microbioloxía e Viroloxía sitúase novena en 2002-2011, posición que mellora no últimos anos ata o oitavo posto (2007-2011), período no que Estatística figura en novena posición. Economía e Xeociencias, na posición novena e Rehabilitación e Fisioterapia e Empresa, completan o cadro das dez áreas máis destacadas. O ranking Este ranking diferénciase doutros en catro aspectos fundamentais. A súa organización articúlase arredor de 12 campos e 37 disciplinas científicas, cuxo número se incrementa nesta edición. Ademais propón un método de ordenación que sintetiza seis indicadores bibliométricos de produción e impacto que miden os aspectos cualitativos e cuantitativos da produción científica das universidades. Como terceiro aspecto, emprega como fonte de información as bases de datos de Thomson-Reuters (antigo ISI) Web of Science e Journal Citation Reports, unha selección das mellores revistas de influencia mundial, sendo referencia básica para a axencias de avaliación do rendemento investigador no ámbito internacional e nacional (CNEAI e ANECA). Finalmente e como cuarto aspecto destacado, o estudo se presenta en serie temporais amplas, un período de dez anos (2002-2011) e un período de cinco anos (2007-2011). O obxectivo é dotar de estabilidade aos resultados e detectar posible cambios na actividade científica. Na súa elaboración colaboran os grupos de investigación de Avaliación da Ciencia e da Comunicación Científica, que compoñen especialistas das universidades de Granada e Navarra, e o SCI2S (Soft Computing and Intelligent Information Systems), integrado dentro do Departamento de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade de Granada. Máis información en http://www.rankinguniversidades.es/.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.06.2012.