Pasar al contenido principal

A USC organiza un curso de verán para dar a coñecer as ferramentas de formulación e avaliación de proxectos

A USC organiza un curso de verán para dar a coñecer as ferramentas de formulación e avaliación de proxectos
A USC organiza un curso de verán para dar a coñecer as ferramentas de formulación e avaliación de proxectos
A actividade, coordinada desde o Idega, desenvolverase na sede da Deputación Provincial de Lugo os días 16 e 17 de xullo

O salón de actos do Pazo de San Marcos, sede da Deputación Provincial de Lugo, acollerá os días 16 e 17 de xullo o curso de verán da USC ‘ Ferramentas para a formulación e avaliación de proxectos’, dirixido polos membros do Instituto de Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC Manuel Marey Pérez e Xesús Pereira López. O obxectivo do curso curso de verán é dar a coñecer a existencia dun corpo de coñecementos en formulación e avaliación de proxectos, e súa potencialidade de aplicación profesional e nas empresas, e que neses ámbitos se descubra a necesidade de formarse neste ámbito. “O constante incremento da complexidade en todas as actividades humanas está ampliando o campo de aplicacións da xestión de proxectos empresariais, que inclúe un amplo abano de profesionais da economía, a enxeñería, a informática, as telecomunicacións, os servizos sociais, a hostalería, o ocio, o turismo e a política e as Administracións Públicas, entre outros, que normalmente dirixen equipos de traballo multidisciplinares”, explican os organizadores. Esta complexidade é tal que para a execución exitosa dun proxecto faise necesaria a participación de diversos profesionais, expertos cada un na súa área. Requírese polo tanto da constitución dun equipo multidiscipliar no que os seus membros deben actuar de xeito coordinado. Programa do curso O luns 16 de xullo a xornada comeza co relatorio ‘A dirección de proxectos como alternativa’ a cargo de Carlos José Álvarez López, catedrático do departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, ao que seguirá Carlos Amiama Ares, profesor do deste mesmo departamento, coa intervención titulada ‘ Podemos coñecer os riscos dun proxecto’. Da área de Enxeñería Forestal da USC proceden tamén os dous seguintes relatores, Martín Barrasa Rioja e Manuel Marey Pérez, quen falarán sobre ‘Como estimar os costes dun proxecto?’ e ‘ Outras formas de avaliar os proxectos: a Análise do Ciclo de Vida’, respectivamente. A xornada do luns concluirá co relatorio ‘Introdución aos modelos de medición e avaliación macroeconómica’ por parte do profesor do departamento de Economía Cuantitativa da USC Xesús Pereira López. O martes 17 a sesión inicial leva por nome ‘As dificultades de medición: o turismo’, e o encargado da súa presentación será o investigador do Idega André Carrascal Incera; logo será a quenda de Manuel Fernández Grela, profesor do departamento de Fundamentos da Análise Económica, quen falará sobre ‘O Impacto económico das infraestruturas culturais’. O enxeñeiro e economista Xan Facal López intervirá tamén nesta segunda xornada do curso co relatorio ‘Avaliación económica de proxectos de investimento’, ao que seguirá ‘A relevancia dos supostos nos modelos de impacto económico: o caso da lei da dependencia’, a cargo de Melchor Fernández Fernández, profesor do departamento de Fundamentos da Análise Económica e director do Idega. O curso pecharase coa mesa redonda ‘A avaliación ex-post: cumprimos os obxectivos?’ moderada por Manuel Marey Pérez. A actividade consta dun total de 16 horas lectivas, e a matrícula pode realizarse a través da páxina web da Área de Cultura da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.06.2012.