A USC, primeira sede española do congreso da asociación internacional de especialistas en lingüística inglesa
A Universidade de Santiago acaba de ser elixida próxima sede do 34 congreso anual que organiza a International Computer Archive of Modern and Medieval English (ICAME), a asociación internacional de especialistas en lingüística inglesa que utilizan corpus e bases de datos electrónicas como principal instrumento de investigación. Esta reunión científica, que se celebrará por vez primeira en España desde a constitución de ICAME no ano 1977, terá lugar entre o 22 e o 26 de maio de 2013. O congreso contará coa participación de especialistas de prestixio internacional como Jenny Cheshire, da Queen Mary University of London; Holger Diessel,a da Friedrich-Schiller-Universität Jena; Marianne Hundt, da University of Zurich; e Ken Hyland, de Hong Kong. ICAME 34 estará organizado polos grupos do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá ‘ Variation, Linguistic Change and Grammaticalization’ e ‘Spertus’ e coordinado pola decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso, e por Belén Méndez Naya. A decisión de desenvolvela en Santiago tomouse no transcurso da asemblea do congreso ICAME 33 celebrado na Katholieke Universiteit Leuven (Bélxica).