Pasar al contenido principal

O Coro de Cámara da Coruña celebra os seus vinte anos cun concerto na Igrexa

O Coro de Cámara da Coruña celebra os seus vinte anos cun concerto na Igrexa
O Coro de Cámara da Coruña celebra os seus vinte anos cun concerto na Igrexa

‘Vinte anos non é nada’. Con este rótulo preséntase este venres 15 na Igrexa da Universidade o Coro de Cámara da Coruña, que celebrará o seu 20 aniversario cun concerto que recolle unha mostra do seu repertorio ao longo destas dúas décadas. Dende pezas anónimas do século XII a cancións de Serrat ou Atahualpa Yupanki, textos de Machado ou Rosalía... O recital, de entrada libre, será ás 20.30 horas baixo a dirección de Julián Jesús Pérez. O Coro As nove voces do Coro de Cámara da Coruña cultivan todo tipo de música, concedendo especial atención á polifonía europea do Renacemento así como ao repertorio contemporáneo. Dende a súa presentación na Colexiata de Santa María o 11 de xuño de 1993 ofreceu concertos en distintos lugares de España (Madrid, Burgos ou Zamora) e do resto de Europa (Escocia, Polonia e Ucraína) e participa habitualmente en certames corais de ámbito local, nacional e internacional. Colaborou ademais en diversos proxectos con solistas vogais, orquestras de cámara, o Cuarteto “Moriatov” e os pianistas Irina Moriatova, José Manuel Yáñez e Rubén Alvar. No coro formáronse moitos cantores e cantoras que máis tarde pertenceron a formacións como o Coro El León de Oro de Luanco (Asturias), un dos máis prestixiosos de España; o Coro da Universidade de Alcalá de Henares; o da Catedral de Uppsala (Suecia) ou o da Orquestra Sinfónica de Galicia. En 2002 participou no XXV Festival Internacional de Música de Órgano, Coral e de Cámara xunto ao organista finlandés Dan Lönnqvist na cidade polaca de Gdansk e no ciclo Concertos de Órgano, Corais e de Cámara en Gdynia xunto ao organista Boguslaw Grabowski. En 2004 interveu con éxito de público e crítica no VI Ciclo Concertos de Outono que organiza o Museo de Belas Artes da Coruña e un ano máis tarde ofreceu un concerto de música relixiosa na Colexiata de Santa María dedicado a Rafael Taboada Vázquez nas súas vodas de prata como abade deste templo. Entre a actividade recente do coro coruñés destacan os concertos celebrados en Portugal e Italia e a gravación do seu primeiro álbum Canción con todos. A formación está composta polas sopranos Belén carro e Raquel Rodríguez, as contraltos Iolanda Abreu e Lucía Ferreiro, os baixos Esteban Cobián e Alberto Miragaya, e os tenores Javier Prego, Carlos Regalado e Manuel Yáñez.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.06.2012.