Pasar al contenido principal

A planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios, novo ebook da USC

A planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios, novo ebook da USC
A planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios, novo ebook da USC
O volume ofrece por vez primeira datos sobre as desaparecidas aulas de galego en educación infantil

En novembro de 2010 desenvolvéronse na USC as II Xornadas Educación e Linguas en Galicia dedicadas á planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios. Os diversos relatorios presentados recóllense nun ebook que presentaron este mércores na USC a secretaria xeral da USC, Lourdes Noya; o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco; e Bieito Silva e Isabel Vaquero, coordinadores da publicación xunto con Xesús Rodríguez.

Os coordinadores da obra quixeron reivindicar no acto o traballo dos equipos de normalización lingüística e o propio concepto de normalización -“entendido como defensa activa e positiva do noso por ser noso e por estar en inferioridade pero tamén como plataforma para defender a diversidade lingüística no ámbito planetario”, dixo Silva-, “un tanto desvirtuado” na actualidade por mor do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, denunciaron.

Nas xornadas, orientadas a ensinantes e futuros ensinantes, quedou demostrado –explicaron Silva e Vaquero- que partir dunha lingua minoritaria non será estorbo para incorporar outras linguas. De feito, en diferentes artigos do volume ofrécense datos concluíntes de experiencias que mostran como os estudantes conseguiron adquirir competencias nas dúas linguas aumentando o coñecemento da outra e conservando a de uso cotiá. Pero para conseguir iso, advertiu Isabel Vaquero, faise necesario que os centros, atendendo ás súas peculiaridades específicas e da súa contorna, sexan os encargados de planificar a normalización lingüística.

O volume
O volume estrutúrase en base aos tres eixos temáticos das xornadas, que comezaron analizando a importancia da planificación lingüística escolar e das mudanzas normativas acontecidas nos últimos tempos. O profesor da USC Bieito Silva subliña o dobre papel –académico e cívico- que lle corresponde á escola no marco da política lingüística galega, mentres que a profesora do IES de Coristanco Mercedes Zas analiza as mudanzas na planificación lingüística nos centros de ensino e concretamente o que significou o Decreto de 2010.

Precisamente ese decreto prohibiu as aulas de galego en educación infantil, unha experiencia levada a cabo dende 2007 e á que se refire o segundo bloque temático. Nel, dúas profesoras de Coristanco e Rianxo explican no seu artigo os argumentos que posibilitaron a aparición destas aulas á vez que denuncian a súa desaparición sen sequera ter sido avaliada e valorada pola Consellaría de Educación. Tamén neste apartado profesores, profesoras e familiares de centros de toda Galicia narran a súa experiencia e demostran con datos como se alcanzaban os obxectivos competenciais en galego e castelán que fixa o marco legal para esta etapa educativa.

Pór de relevo a importancia da planificación lingüística no ámbito escolar é o obxectivo do terceiro e último bloque temático, no que se expoñen experiencias de varios centros de ensino de todos os niveis educativos non universitarios, tanto públicos como privados. Todos eles inciden na pertinencia de considerar o idioma como parte da cultura, o que significa centrar a acción normalizadora non só no exclusivamente académico.

Libros dixitais na USC
As actas das primeiras xornadas ‘Educación e Linguas en Galicia’ conformaron en 2011 o primeiro ebook editado pola Universidade de Santiago. Con este, o do segundo encontro, son xa once os libros a texto completo que se poden atopar no repositorio dixital da USC en acceso aberto.

Ligazóns relacionados:

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.