Unha tese doutoral da USC propón utilizar un fungo natural para depurar augas residuais
A doutoranda Angelica Iliana Rodarte Morales defendeu na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC a súa tese de doutoramento encamiñada a reducir a toxicidade de augas residuais urbanas permitindo a súa completa depuración. O traballo formula unha técnica –a implementar en conxunto con tecnoloxías máis convencionais- para eliminar compostos farmacéuticos (antibióticos, antipresivos...) das augas residuais urbanas mediante a aplicación dun sistema biolóxico baseado no uso de fungos naturais que se poden atopar nas fragas galegas. Trátase dos basidiomicetos de podremia branca, capaces de romper os enlaces de moléculas orgánicas complexas. O tribunal, que lle concedeu a cualificación de Sobresaliente cum laude, estivo composto polo investigador do CSIC e Premio Jaime I á Protección do Medio Ambiente en 2001, Sixto Malato Rodríguez; a profesora de Enxeñaría Química da Universidade Autónoma de Barcelona, Gloria Caminal Saperas; a investigadora do CSIC Susana Camarero Fernández; o catedrático de Enxeñaría Química da USC, Francisco Omil Prieto; e a investigadora posdoutoral Juan de la Cierva na Autónoma de Barcelona, Carmen López Díaz. A tese ‘Degradation of pharmaceuticals compounds by ligninolytic fungi’ dirixírona os profesores Juan Manuel Lema e María Teresa Moreira, do grupo de investigación de Enxeñaría ambiental e bioprocesos.