Pasar al contenido principal

A USC participa en NanoFar, o primeiro programa Erasmus Mundus de doutoramento europeo en nanomedicina

Vista exterior do CIMUS. Foto: Ruth González
Vista exterior do CIMUS. Foto: Ruth González

A Universidade de Santiago participa nun dos dez programas de doutoramento conxunto que a Unión Europea aprobou este ano tras unha longa e selectiva avaliación. O Programa Erasmus Mundus de Doutoramento Europeo en Nanomedicina e Innovación Farmacéutica, NanoFar, busca formar ao mellor alumnado no eido da nanomedicina e está orientado á terapia, diagnóstico e medicina rexenerativa. En total existen 34 programas acreditados en toda Europa, dos que sete están dedicados á saúde humana. NanoFar é un dos doce nos que participa unha universidade española e o primeiro que conta con representación dunha galega. O programa está coordinado pola Universidade francesa de Angers e nela participan, ademais da USC, as universidades de Nantes (Francia), Liège e Louvain (Bélxica) e Nottingham (Reino Unido). Tamén figuran como asociadas numerosas empresas biotecnolóxicas e hospitais europeos, entre eles o CHUS, ademais de institucións científicas de Arxentina e Sudáfrica. Formando científicos NanoFar oferta teses de tres anos de duración baixo a supervisión de dúas institucións participantes, incluíndo un ano completo de mobilidade internacional. Os doutorandos recibirán cursos especializados a través de escolas de verán nas distintas universidades. Na primeira convocatoria ofertáronse dez proxectos de investigación, nos que a USC participa en tres, dirixidos polos docentes María José Alonso, Dolores Torres e Eduardo Fernández Megía. A esas dez prazas presentáronse cerca de 150 solicitudes de todo o mundo. Representan á USC na comisión supervisora do programa os profesores Noemi Csaba e Maria José Alonso, do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, e Fernando Domínguez e Anxo Vidal, do Departamento de Fisioloxía.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.04.2012.