Historia de la Galicia Moderna compila as investigacións máis sobresaíntes dos últimos 25 anos

Os resultados máis destacados da investigación que os historiadores e historiadoras galegas realizaron ao longo dos últimos 25 anos no campo da historia moderna de Galicia aparecen compilados nun volume editado polo Servizo de Publicacións da USC e presentado este martes poloreitor Juan Casares; o profesor e coordinador da obra, Isidro Dubert; e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés O libro Historia de la Galicia Moderna nace, explicou Dubert, con vocación “plenamente divulgativa”, para informar á sociedade galega sobre “a súa historia moderna” dando a coñecer aspectos “moi pouco coñecidos” como o escaso protagonismo que xogaron realmente as elites da época, a transcendencia das mulleres e da vellez, os estereotipos ou o papel do servizo doméstico. Precisamente ese carácter novidoso do acontecido hai máis de 200 anos confírelle á publicación, en opinión de Juan Blanco, “un patrón de calidade” que a converte “no mellor libro” sobre a Historia Moderna de Galicia do mundo, “demostrándose así unha vez máis que a produción editorial universitaria está á cabeza da calidade científica”. A este respecto, o reitor nomeou a revista Obradoiro de Historia Moderna, de USC Editora, certificada como unha das publicacións científicas de maior impacto en España. Nove artigos Cun prefacio de Isidro Dubert, o volume comeza cun artigo de Ofelia Rey Castelao que explica o contexto de conformación do reino de Galicia e das sinais propias de identidade. Camilo Fernández Cortizo achega as causas históricas do desequilibrio poboacional galego sobre o territorio e o diferente grao de urbanización, á vez que profunda no asunto da mobilidade e as migracións. ‘A familia e as idades da vida’ é o título da colaboración que asinan Hortensio Sobrado Correa e Isidro Dubert e na que mostran os cambios básicos sufridos en función do lugar onde residían os cabezas de casa e a súa posición social, o papel da muller ou o funcionamento do servizo doméstico. Pola súa banda, Pegerto Saavedra ensina a importancia que na época moderna exerceu “a mirada allea” na creación dun estereotipo “negativo” social e cultural sobre a xente galega que contrastaba “coa tozudez dunha realidade histórica manifestamente positiva e favorable no eido vital, demográfico ou económico”. Continúa o volume con achegas de Isidro Dubert sobre o mar e o comercio e de Vítor Migués e Andrés Presedo sobre o mundo dos privilexiados, con atención aos pazos e as casas fidalgas ou ao alto e baixo clero secular, entre outras cuestións. Os órganos de poder real e señorial que había en Galicia e as implicacións derivadas da relación que o reino mantivo coa monarquía española son estudadas por María del Carmen Saavedra Vázquez, mentres que Roberto López atende aos máis variados aspectos da cultura material e a cultura letrada, con especial atención á relixiosidade, ao control ideolóxico, á moral, ás institucións de ensinanza e á Ilustración.
Remata o libro cunha síntese das últimas grandes liñas de investigación desenvolvidas polo grupo de Historia Moderna da Universidade de Santiago.