Pasar al contenido principal

O 10º Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC sae ao encontro do espectador en Compostela

A compañía de danza da USC en Lugo representou a peza  na rúa San Marcos da capital lucense durante o 10º Encontro Universitario de Danza Contemporánea
A compañía de danza da USC en Lugo representou a peza na rúa San Marcos da capital lucense durante o 10º Encontro Universitario de Danza Contemporánea

O 10º Encontro de Danza Contemporánea da USC sairá ao encontro dos espectadores en Compostela logo do seu paso por Lugo. En dúas xornadas, o mércores 18 e o xoves 19, mostrarán os seus traballos compañías de danza das tres universidades galegas e da portuguesa da Beira Interior de Covilhâ (Portugal). A elas súmase desta volta e por vez primeira na historia do encontro, unha compañía profesional cuxa xénese atópase no Espazo de Danza da USC, a compañía Cisma. O Encontro xoga coas ideas de reinterpretación artística do espazo urbano a través da adaptabilidade das pezas de danza aos distintos lugares e o fomento da súa utilización por parte do cidadán que participa como espectador ou mesmo como intérprete, explicou o director do encontro e director do Espazo de Danza da USC Juan Carlos Zahera,. Deste xeito, as actuacións realizaranse en diversos espazos universitarios en distintos horarios trazando un percorrido por distintas prazas e recunchos emblemáticos da cidade. O responsable da iniciativa apoiada pola Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, explicou que este ano “imos mudar o encontro de maneira lúdica ofrecendo espectáculos de danza aos integrantes das distintas Aulas de Danza das universidades así como ao público xeral dentro dun novo programa chamado ‘Espazos que danzan’”. Neste senso, durante a súa estadía, os grupos participantes realizarán visitas guiadas para coñecer o patrimonio da USC en Santiago. Ademais, terán unha sesión didáctica co novo Espazo de Cámara da USC na que o seu director Mario Díez lles explicará as pezas musicais que están a traballar. Para rematar, músicos e bailaríns traballarán conxuntamente sobre unha improvisación. En conxunto, a proposta que chega a Santiago é unha aposta por achegar a danza universitaria á cidade, “saíndo ao encontro do espectador e favorecendo actividades comúns a este colectivo artístico”, ao tempo que se concibe tamén como un espazo de residencia e de traballo para os artistas participantes. Programación As actuacións porán o pé na rúa o mércores 18 no soportal da Biblioteca Concepción Arenal a partir das 14.00 horas coa posta en escena de ‘Unha cidade por ser’ da Aula de Danza da Universidade da Coruña e de ‘Isto non é...’ da compañía D-ou-tras da Universidade de Vigo. Pola tarde, a partir das 19.00 horas, o espectáculo trasladarase ao vestíbulo da Facultade de Filosofía, onde a Compañía de Danza do Campus de Santiago representará ‘Diversos’ e a Compañía Cisma a peza ‘ Un disfrace equivocado’. O vestíbulo da Facultade de Ciencias da Comunicación serán o punto de partida da xornada do xoves 19, cando ás 11.00 horas a Compañía Mu-Danza da USC poña na rúa ‘Vinte Caixas’, xunto coa función do grupo Teatrubi, da Universidade da Beira Interior. Os espectáculos chegarán ao casco histórico ás 14.00 horas, no Claustro do Colexio de Fonseca, con ‘Unha cidade por ser’ e ‘A escoita do copo’, está última da Compañía de Danza do Campus de Lugo. Pola tarde, a partir das 18.00 horas, será a quenda de Campus Vida no vestíbulo da Facultade de Bioloxía con ‘Isto non é...’ e ‘Diversos’. O Espazo de Danza da USC O Espazo de Danza da USC comezou a súa traxectoria en 1997 aberto dende entón á participación de toda a comunidade universitaria con independencia dunha maior o menor formación técnica. Neste tempo producíronse 21 montaxes coreográficas e realizáronse máis de 80 actuacións en festivais, seminarios, mostras e reunións científicas. Ademais, moitos dos alumnos que pasaron por este Espazo son hoxe en día profesionais de referencia, o que converta ao grupo universitario nunha canteira destacada para o mundo da danza. Como explicou o seu responsable Francisco Durán, a traballo desenvolvido pola Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua neste eido a través dunha política de axudas á creación de novas compañías de danza favoreceu o xurdimento de novos creadores, xestores e directores independentes como a Compañía convidada deste ano, Cisma. En paralelo, o Espazo de Danza da USC é unha “porta aberta para o desenvolvemento de liñas de investigación e creación arredor da danza contemporánea, converténdose nunha iniciativa pioneira en Galicia”, dixo Juan Carlos Zahera.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.04.2012.