Abriu o prazo de matrícula no curso ‘As literaturas infantís e xuvenís ibéricas’
A novena edición do curso de formación continua ‘As literaturas infantís e xuvenís ibéricas’ pon nesta ocasión a súa atención nas narrativas xuvenís no século XXI, dende a definición, a súa relación co audiovisual e o influxo de internet para a súa lectura. A matrícula permanece aberta ata o 15 de xuño. Impartido fundamentalmente en galego e castelán, con dúas intervencións en portugués e unha en catalán, o curso consta dunha parte virtual na que se ofrecen estudos teóricos e doutra presencial na que interveñen os axentes que participan na comunicación literaria, fundamentalmente escritores, escritoras, editores e persoal investigador, que ofrecen panorámicas sobre o desenvolvemento da literatura xuvenil nos ámbitos lingüísticos que representan. O alumnado terá a oportunidade de conversar con eles e comentar algunhas obras escollidas. O curso que dirixe a profesora Blanca-Ana Roig Rechou ten como finalidade formar o alumnado participante nunha temática xeralmente excluída dos planos de estudo das carreiras universitarias pero dunha transcendencia fundamental en ámbitos básicos como a formación lectora e a expresión escrita no mundo das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC). Tenta analizar esas literaturas dende un enfoque comparativo para dar a coñecer que axentes literarios se presentan máis débiles en cada ámbito lingüístico. Curso virtual A parte virtual desenvolverase entre xullo a setembro cun programa que abarca dende a bibliografía básica ata as tendencias e correntes no ámbito concreto de estudo, incluíndo non só aspectos teóricos senón de selección de obras para o mediador ou comentando narrativas xuvenís. Parte presencial Na Biblioteca Fundación Novacaixagalicia (Frei Rosendo Salvado, 14-16) impartirase do 4 ao 7 setembro a parte presencial, que inclúe conversas con Blanca-Ana Roig, Isabel Mociño, Eulalia Agrelo, Marta Neira, Vanessa Ferreira, Ana Margarida Ramos e Isabel Soto. Ademais, Pilar Bendoiro, Lourdes Lorenzo, José María Mesías, Ramón Llorens e Fausto Isorna e Gemma Sesar, estes dous últimos de El Patito Editorial, serán as persoas encargadas de pronunciar as charlas desta parte do curso, que se completa cun taller de creación literaria, un espectáculo de narración oral e a presentación do libro A narrativa xuvenil a debate (2000-2011) e do informe sobre docencia e investigación 2011-2012 na LIX a partir dos Informes de Literatura.
O curso, para o que se pode solicitar máis información nos correos electrónicos blanca.roig [at] usc.es (blanca[dot]roig[at]usc[dot]es) ou oficina [at] aelg.org (oficina[at]aelg[dot]org), diríxese a profesionais do ensino, alumnado das facultades de Ciencias da Educación, de Xeografía e Historia, de Ciencias da Comunicación, Humanidades, Filoloxías ou Tradución e Interpretación, a profesionais de bibliotecas e a calquera persoa interesada.