Pasar al contenido principal

A arte rupestre no Norte do Barbanza, novo libro de investigadores da USC

Portada do libro
Portada do libro

O Grupo de Estudo para a Prehistoria do Noroeste Ibérico da USC (GEPN) acaba de publicar o volume A arte rupestre no Norte do Barbanza que supón un achegamento interdisciplinar aos petroglifos galegos. A vertente Norte da Península do Barbanza (A Coruña) era, ata hai dúas décadas, unha área na que os petroglifos eran practicamente descoñecidos, pero os traballos levados a cabo por persoas afeccionadas e equipos de arqueoloxía permitiron descubrir un gran número de estacións rupestres que destacan pola gran variedade das súas representacións. Editado polo profesor da USC Ramón Fábregas Valcarce e polo investigador Carlos Rodríguez Rellán, ambos os dous do GEPN, o libro é o resultado do traballo dun equipo de arqueólogos, edafólogos, historiadores da arte, restauradores e xeógrafos que entre 2002 e 2005 participaron no proxecto de investigación ‘Ocupación do espazo e modificacións do entorno na Península do Barbanza durante a Prehistoria recente’ desenvolvido polo GEPN e centrado na análise do fenómeno rupestre do Norte da Península do Barbanza, en concreto nos límites administrativos do Concello de Porto do Son. Posteriormente puidéronse levar a cabo novas actuacións na área de estudo a través dos convenios coa Subdirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, entre os anos 2006 e 2008. O equipo de investigación escolleu o Concello de Porto do Son debido á potencialidade arqueolóxica desta área, “posta en relevo polas investigacións previas que apuntaban a que podía converterse nun núcleo con entidade propia dentro da provincia rupestre galaica”, apuntan os autores. Así mesmo, a Península do Barbanza constitúese como unha área xeográfica ben delimitada e cunhas características xeolóxicas e climáticas diversificadas que, en xeral, resultarían “moi apropiadas” para o asentamento humano prehistórico, “o que facía pensar na posibilidade de abordar o estudio da arte rupestre dende unha perspectiva ampla que tamén tivese en conta outras esferas da realidade arqueolóxica, como a doméstica e a funeraria”, explican. A arte rupestre no Norte do Barbanza pode reservarse xa a través da páxina da editorial Andavira.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.06.2012.