Pasar al contenido principal

Ábrese o prazo de inscrición no máster en Enxeñería da Madeira Estrutural para o curso 2012-13

O posgrao impartido na EPS de Lugo é o único de todo o panorama universitario español centrado nas posibilidades da madeira como material de construción

A Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (PEMADE) da USC, organizadora do máster en Enxeñería da Madeira, abriu xa o prazo de inscrición para a terceira edición deste posgrao. Este ano, como nos anteriores, o número de prazas ofertadas será de 30. “Aínda que a demanda adoita ser moito maior, non non interesa un curso masificado e que non permite un seguimento individualizado dos alumnos, polo que limitamos a matrícula a esa cifra”, explica Manuel Guaita, director do PEMADE e coordinador do máster. Este posgrao, o único das universidades españolas centrado nas posibilidades da madeira como material de construción, vai dirixido a enxeñeiros e arquitectos que queiran completar a súa formación “nun material que logo de pasar a un plano secundario durante o século pasado, está a converterse no elemento de construción máis representativo do século XXI, polo valor engadido que proporciona: calidez, beleza, resistencia, nobreza... E pola redución da contaminación e do impacto ambiental que supón o seu uso”, segundo Manuel Guaita. O curso ten unha duración de 500 horas e distribúese en 15 módulos, con materias que van desde o coñecemento da madeira como material de construción, o cálculo estrutural, o deseño de estruturas e o CAD aplicado á madeira ou a realización práctica con software de cálculo de proxectos de edificación e pontes de madeira. Máis de 50 docentes, tanto da USC como doutras universidades, da Administración ou do ámbito empresarial compoñen o cadro de profesores do máster. Durante o máster, cuxas clases se desenvolverán os xoves, venres e sábados, están programadas visitas a obras e empresas relacionadas coa industria da madeira. Nesta terceira edición, e por primeira vez, contémplase a posibilidade de impartir a distancia parte das clases, co fin de evitar algúns dos desprazamentos dos alumnos procedentes doutras comunidades. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o día 22 de xuño, con posibilidade de ampliación en caso de que non se cubran todas as prazas dispoñibles nesa data.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.06.2012.