A proba de selección do programa de estímulo do talento matemático ESTALMAT- Galicia 2012 rexistra unha marca de participación con 358 aspirantes
Un total de 358 estudantes de toda Galicia nacidos en 1999 e 2000 participan este sábado 2 de xuño nas probas de selección dos futuros 25 estudantes que integrarán a 6ª promoción do Proxecto ESTALMAT- Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas, que dirixe o catedrático de Matemática Aplicada da USC Juan Viaño. Os participantes, 218 rapaces e 140 rapazas, proceden na súa maioría das provincias da Coruña (194) e Pontevedra (128), seguidas das de Lugo (24) e Ourense (12), tanto do ensino público (242) como do privado (116). Con este número de inscritos, o Proxecto ESTALMAT-Galicia consolida a súa andaina iniciada en 2007 e supera a media dos cinco últimos anos. Cos desta edición, son xa 1.600 os/as alumnos/as que con 12 ou 13 anos teñen pasado pola Facultade de Matemáticas nos últimos cinco anos para facer a proba de selección. Deles, seleccionáronse ata o momento 150 para participar no programa de talentos matemáticos. A proba, consistente na resolución de seis problemas de distinto tipo, celebrarase a partir das 9.45 horas na Facultade de Matemáticas e terá unha duración de dúas horas e media. Durante a primeira parte da proba, os familiares dos estudantes asistirán a unha sesión informativa sobre o proxecto Estalmat-Galicia, impartida polo presidente do proxecto, Juan Viaño. A partir das 12.45 horas, os participantes reuniranse nas escaleiras do centro para realizar unha foto de grupo. Esta proba coordínana os profesores Victor Pollán, Rosana Rodríguez, Mercedes Feijoo e Jesús Calvo. Os exercicios corrixiranos de forma anónima un equipo de doce profesores, con dúas correccións independentes para cada problema, mentres que a preselección a realizará o conxunto do comité que preside Juan Viaño. A lista alfabética dos 50 preseleccionados/as farase pública na páxina web do proxecto (www.estalmatgalicia.com) entre o 10 e o 15 de xuño. Os primeiros 25 rapaces e rapazas preseleccionados/as e os seus proxenitores/titores serán convocados a unha entrevista persoal, pois deberán adquirir o compromiso de acudir ás actividades do Proxecto. Desenvolvemento do programa As actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas en sesións de 3 horas nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos (20 sesións cada ano), con posibilidade de continuar dous anos mais (seis sesións en cada un). O equipo docente que atende ao estudantado seleccionado está formado por 41 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas. Con esta iniciativa, trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, gozar desta ciencia ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade. O Proxecto ESTALMAT-Galicia O Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, forma parte do Proxecto ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Conta co aval científico e económico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais; da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; do Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC); da Fundación Vodafone España, das deputacións da Coruña e Lugo e do Concello de Guitiriz, ademais da infraestrutura e apoio xeral achegados pola Universidade de Santiago de Compostela, dun xeito especial pola Facultade de Matemáticas e o seu equipo decanal. O proxecto está conectado tamén coas actividades da Olimpíada Matemática (Fase Galega e Española) e as actividades de divulgación da Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (AGAPEMA). Para acadar mais información sobre o proxecto, as persoas interesadas poden dirixirse á web http://www.estalmatgalicia.com.