Presentan en Lisboa unha guía de educación ambiental sobre as alteracións climáticas

O profesor e membro do Grupo SEPA da USC, Pablo Ángel Meira Cartea, coordina a guía Conhece e valoriza as alterações climáticas. Propostas para trabalhar em grupo, editada por Fundación MAPFRE, que este mércores 6 se presenta en Lisboa no marco do Seminario Educación e Ambiente. Ademais do profesor da USC no acto participarán o director do Instituto de Prevención, Saúde e Medio Ambiente de Fundación MAPFRE, Antonio Guzmán Córdoba; a presidenta da Associação Portuguesa de Educação Ambiental, Fátima Almeida; e o representante da Agência Portuguesa do Ambiente, Francisco Teixeira, estas últimas entidades colaboradoras na adaptación ao contexto portugués. A obra que se presenta ao público portugués foi traducida e adaptada a partir da publicación orixinal en castelán editada en 2011 e elaborada por un amplo equipo de profesionais que desenvolven o seu labor en organismos públicos, empresas e asociacións non gobernamentais. Este recurso foi deseñado coa finalidade de contribuír ao desenvolvemento de actividades de educación ambiental sobre o cambio climático, centrándose na esfera da vida cotiá e nas chamadas emisións difusas (mobilidade, consumos domésticos, alimentación, etc.). As actividades están concibidas para un público amplo: estudantes de educación secundaria, universitarios e poboación adulta en xeral, e nelas son eixos fundamentais a análise crítica da realidade, a reflexión, o debate colectivo e a adquisición de competencias para recrear unha vida “baixa en carbono”.