Pasar al contenido principal

A XIII Mostra de Teatro Universitario de Galicia botou o pano coa entrega dos seus premios

A XIII Mostra de Teatro Universitario de Galicia botou o pano coa entrega dos seus premios
A XIII Mostra de Teatro Universitario de Galicia botou o pano coa entrega dos seus premios

A Mostra de Teatro Universitario de Galicia da USC pechou a súa décimo terceira edición coa entrega de premios correspondentes ás mellores montaxes, direccións de escena, actores e actrices, espazos escénicos e vestiarios. O xurado encargado do ditame integrárono Nuria Sanz, Marcos Correa, Roberto Leal e Ernesto Chao, con Roberto Salgueiro como secretario sen voto, que avaliaron as catorce montaxes presentadas entre o 8 e o 31 de maio exceptuando a montaxe da Aula de Teatro da Universidade de Santiago, que quedou fóra de concurso. Con dous galardoados por categoría, na de mellor espectáculo o xurado destacou a Teatro da Falúa por ‘Falúa´s Flying Circus’ e Mequetrefes por ‘Folie à trois: paranoia compartida’, cunha mención especial para ‘Pim Pam Clown’ de NNC, mentres que o premio á mellor dirección foi para Alberte Antelo, por ‘Baixarse ao moro’ de Pinchacarneiro, e para Patricia Coucheiro, Estevo Azañón e Lucía Abarrategui por ‘Folie à trois: paranoia compartida’ de Mequetrefes. Ramón Ínsua, por ‘Baixarse ao moro’, e Pablo Fontenla, por ‘Falúa´s Flying Circus’, foron elixidos na modalidade Mellor Actor. Neste capítulo, o xurado decidiu outorgar unha mención especial a Miguel Torres por ‘Tik e Tak, unha historia de amor reloxil’ de TikTak Teatro. Pola súa banda, o galardón á Mellor Actriz recaeu en Natalia Ibáñez, por ‘Baixarse ao moro’ e en Bea Méndez, por ‘Pim Pam Clown’ de NNC. Na modalidade de Mellor Espazo e Iluminación, o xurado destacou o traballo de Afonso Castro e Iván Casal por ‘Nosa Señora das Nubes’, da Aula de Teatro da Universidade da Coruña, e Fernando Dacosta, José Manuel Bayón e Rubén Dobaño, por ‘Un novo mundo feliz, da Aula de Teatro Universitaria de Ourense. Completando o conxunto, Verónica M. Granda, Antía Ínsua, Tania Martínez e Noelia Nogueiras, por ‘Turandot’ de Enlata Teatro, e a Aula de Teatro da Universidade da Coruña, por ‘Nosa Señora das Nubes’, foron os merecedores do galardón ao mellos vestiario. A vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, presidiu a entrega na que tamén interviñeron os membros do xurado, ademais do coordinador da mostra, Roberto Salgueiro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.06.2012.