Pasar al contenido principal

‘Con nome de muller’ chega a Xeografía e Historia cunha xornada sobre o emprendemento feminino na área das ciencias humanas

‘Con nome de muller’ chega a Xeografía e Historia cunha xornada sobre o emprendemento feminino na área das ciencias humanas
‘Con nome de muller’ chega a Xeografía e Historia cunha xornada sobre o emprendemento feminino na área das ciencias humanas

A Facultade de Xeografía e Historia é o próximo destino da exposición ‘Con nome de Muller’, unha mostra que quere deixar constancia do dobre esforzo da muller ao longo da Historia para facerse un oco nun mundo de homes e vencer unha morea de impedimentos legais e prexuízos sociais e de xénero. O emprendemento como actitude vital, derrubar barreiras e aproveitar oportunidades son as tres claves que con exemplos concretos se ofrecen nesta exposición. Logo de permanecer aberta ao público no Colexio de Fonseca, en Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias da Comunicación, Filoloxía, Hospital Clínico Universitario ou Filosofía, ‘ Con nome de Muller’ comezará unha nova etapa en Xeografía e Historia o vindeiro luns 9. Deste xeito, está programada unha xornada ese mesmo día a partir das 12.00 horas sobre o emprendemento feminino na área das ciencias humanas. Deste xeito, no centro compostelán reuniranse diversos especialistas en Humanidades, tanto na súa dimensión máis teórica como aplicada, xunto con emprendedoras para reflexionar e analizar o percorrido dende que unha idea é xerada na investigación básica ata que pode ser utilizada empresarialmente. Grandes e pequenas historias ‘Con nome de muller’ fala de grandes emprendedoras pero tamén de pequenas historias que constrúen o día a día na vida, nos negocios, na investigación ou na Universidade. As artesanías rurais, os cultivos especializados, as tarefas domésticas, as habilidades creativas, os oficios familiares ou as propiedades serviron como punto de partida na aventura empresarial, que pode facerse en solitario pero tamén en rede como fixeron as oleiras de Portomourisco e do Seixo, as panadeiras do Porriño, Cea ou Carral e as palilleiras de Camariñas. Pequenas ideas de mulleres emprendedoras que deron en compañías de renome como Hazel Bishop, Benetton, Pepperidge Farm, Aluminium Company of America (ALCOA), Whirlpool, Clafin & Co., The Body Shop ou Coco Chanel. En definitiva, experiencias emprendedoras con nome de muller.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.04.2012.