Pasar al contenido principal

O 10º Encontro Universitario de Danza Contemporánea comeza en Lugo con dúas representacións dobres polas rúas da cidade

O vicerreitor de Estudantes, Francisco Durán, e o director do Espazo de Danza Juan Carlos Zaheran presentaron en Fonseca o programa que se desenvolverá en Compostela
O vicerreitor de Estudantes, Francisco Durán, e o director do Espazo de Danza Juan Carlos Zaheran presentaron en Fonseca o programa que se desenvolverá en Compostela
Santiago, cuxa programación se presentou este venres en rolda de prensa, tomará o relevo o mércores 18

O 10º Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, organizado polo Espazo de Danza e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da institución académica, arranca o luns 16 no Campus de Lugo con dúas propostas coreográficas que se desenvolverán nas rúas da capital lucense. Xa o mércores 18 as coreografías chegarán a Compostela. Campus de Lugo As propostas que abren o encontro en Lugo representarase na rúa San Marcos, e componse de dúas actuacións, interpretadas polas compañías de danza da USC en Santiago e Lugo, respectivamente. A compañía compostelá representará Diversos, unha peza que toma como base inspiradora a multiculturalidade e a mestura de elementos sonoros, gráficos e textuais. Pola súa parte, a compañía lucense saca á rúa A escoita do corpo, “unha viaxe polo noso mundo interior partindo do son do latexar do noso corazón”, tal como explica Juan Carlos Zahera, director do Espazo de Danza da USC e director artístico de ambas as pezas. A cita é ás 13.00 horas, e en caso de chuvia o espectáculo trasladarase ás dependencias da Deputación Provincial, situadas na propia rúa San Marcos. A segunda das actuacións do luns traslada o encontro á praza de Antonio Fernández López, situada detrás do Concello de Lugo. As pezas representadas serán Unha cidade por ser, da aula de danza da Universidade da Coruña, inspirada na obra literaria As cidades invisibles, de Italo Calvino; e Vinte caixas, da compañía MU-Danza, que malia o seu carácter independente está vinculada á área de danza da USC. Neste caso o espectáculo comeza ás 18.00 horas, e no suposto de que a climatoloxía impida a representación na praza, as coreografías levaranse a cabo nos soportais do edificio do Concello. Todas as pezas representadas teñen unha duración que oscila entre os quince e os vinte minutos. O martes 17 continúa o encontro de danza universitaria de Lugo na súa segunda e derradeira xornada, con actuacións na rúa da Raíña, e as prazas da Soidade e da Horta do Seminario. Campus de Santiago En Compostela, compañías de danza das tres universidades galegas e da portuguesa da Beira Interior de Covilhâ (Portugal) traerán a Santiago os seus traballos entre os días 18 e 19 próximos. A elas súmase desta volta e por vez primeira na historia do encontro, unha compañía profesional cuxa xénese atópase no Espazo de Danza da USC, a compañía Cisma. Como puxo de manifesto o director do encontro Juan Carlos Zahera nunha rolda de prensa celebrada para presentar o programa compostelá, o Encontro xoga coas ideas de reinterpretación artística do espazo urbano a través da adaptabilidade das pezas de danza aos distintos lugares, e o fomento da súa utilización por parte do cidadán que participa como espectador ou mesmo como intérprete. Deste xeito, as actuacións realizaranse en diversos espazos universitarios en distintos horarios trazando un percorrido por distintas prazas e recunchos emblemáticos da cidade. O responsable da iniciativa apoiada pola Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, apunta que este ano “imos mudar o encontro de maneira lúdica ofrecendo espectáculos de danza aos integrantes das distintas Aulas de Danza das universidades así como ao público xeral dentro dun novo programa chamado ‘Espazos que danzan’”. Neste senso, durante a súa estadía, os grupos participantes realizarán visitas guiadas para coñecer o patrimonio da USC en Santiago. Ademais, terán unha sesión didáctica co novo Espazo de Cámara da USC na que o seu director Mario Díez lles explicará as pezas musicais que están a traballar. Para rematar, músicos e bailaríns traballarán conxuntamente sobre unha improvisación. En conxunto, a proposta que chega a vindeira semana a Santiago é unha aposta por achegar a danza universitaria á cidade, “saíndo ao encontro do espectador e favorecendo actividades comúns a este colectivo artístico”, ao tempo que se concibe tamén como un espazo de residencia e de traballo para os artistas participantes. Programación As actuacións porán o pé na rúa o mércores 18 no carril da Facultade de Dereito a partir das 14.00 horas coa posta en escena de ‘Unha cidade por ser’ da Aula de Danza da Universidade da Coruña e de ‘Isto non é...’ da compañía D-ou-tras da Universidade de Vigo. Pola tarde, a partir das 19.00 horas, o espectáculo trasladarase ao exterior da Facultade de Filosofía, onde a Compañía de Danza do Campus de Santiago representará ‘Diversos’ e a Compañía Cisma a peza ‘Un disfrace equivocado’. No caso de que a climatoloxía impida o normal desenvolvemento da programación, as funcións trasladaranse ao soportal da Biblioteca Concepción Arenal e ao vestíbulo da Facultade de Filosofía respectivamente. Os xardíns da Facultade de Ciencias da Comunicación serán o punto de partida da xornada do xoves 19, cando ás 11.00 horas a Compañía Mu-Danza da USC poña na rúa ‘Vinte Caixas’, xunto coa función do grupo Teatrubi, da Universidade da Beira Interior. Os espectáculos chegarán ao casco histórico ás 14.00 horas, nos xardíns do Colexio de Fonseca, con ‘Unha cidade por ser’ e ‘A escoita do copo’, está última da Compañía de Danza do Campus de Lugo. Pola tarde, a partir das 18.00 horas, será a quenda de Campus Vida no exterior da Facultade de Bioloxía con ‘Isto non é...’ e ‘Diversos’. Do mesmo xeito, en caso de choiva as presentación realizaranse respectivamente no vestíbulo da Facultade de Ciencias da Comunicación, no Claustro do Colexio de Fonseca e no vestíbulo da Facultade de Bioloxía.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.04.2012.