Pasar al contenido principal

O Laboratorio de Referencia de E.coli da Facultade de Veterinaria recibe o recoñecemento oficial do Ministerio de Sanidade

Equipo de traballo do LREC da USC, dirixido polo catedrático Jorge Blanco (primeiro pola esquerda)
Equipo de traballo do LREC da USC, dirixido polo catedrático Jorge Blanco (primeiro pola esquerda)
Trátase do primeiro grupo de traballo universitario que se incorpora á rede nacional de centros acreditados para a detección desta bacteria en alimentos

O Laboratorio de Referencia de E.coli (LREC) do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Facultade de Veterinaria da USC acaba de ser recoñecido pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) do Ministerio de Sanidade como Laboratorio Nacional para a Detección de Escherichia coli en Alimentos. Deste xeito, o equipo dirixido polo catedrático Jorge Blanco (no que están integrados veterinarios, biólogos, médicos, farmacéuticos e enxeñeiros) incorpórase á rede comunitaria de laboratorios da European Union Reference Laboratory E.coli and VTEC, e colaborará cos outros dous laboratorios nacionais recoñecidos para a detección desta bacteria en alimentos: o Centro Nacional de Alimentación do Ministerio de Sanidade e o Laboratorio Central de Veterinaria-Sanidade Animal do Ministerio de Agricultura. Recoñécese así o traballo que vén realizando este equipo de investigación da USC desde hai máis de dúas décadas, e principalmente durante o brote de E.coli do ano 2011 en Alemaña. O LREC seguirá actuando, agora con recoñecemento oficial, como un laboratorio de apoio aos outros centros de investigación do Estado e das comunidades autónomas para a vixilancia da E.coli, ademais de colaborar coas empresas do sector agroalimentario que o soliciten. O centro lucense é un dos poucos laboratorios a nivel mundial, e o único de España, que dispón de todos os antisoros para o serotipado completo da bacteria E.coli, o que permite a clasificación das cepas estudadas segundo a súa variedade, e poder prever así o seu nivel de perigosidade. O LREC produce os seus propios antisoros e expórtaos a laboratorios do resto de España e doutros países. Premio a un intenso labor investigador En xuño de 2011, o LREC da USC desempeñou un importante papel durante a crise alimentaria relacionada coa bacteria E.coli que inicialmente as autoridades alemás asociaron cunha partida de cogombros importados desde España, tanto na investigación como na difusión de información e no establecemento da metodoloxía de traballo durante aqueles días. O laboratorio lucense foi un dos primeiros en descartar esta orixe española do brote, logo da análise dunha mostra de 70 cogombros procedentes da explotación sinalada en Alemaña como culpable do espallamento da bacteria. Outros estudos posteriores acabaron demostrando o acertado destas conclusións, xa que a procedencia do brote estivo nunhas sementes de fenogreco chegadas desde Exipto. Desde o ano 1995 o grupo de traballo liderado por Jorge Blanco investiga a presenza de E.coli en diversos alimentos como a carne de vacún, os produtos lácteos hortalizas e ensaladas listas para o seu consumo, ademais da auga. Todo este labor veuse desenvolvendo en conxunto coas institucións que agora lle recoñecen o seu carácter de centro de referencia para a investigación, a prevención e o control desta bacteria.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.05.2012.