Pasar al contenido principal

Espazos e canles alternativas de creación, a debate nunhas xornadas da USC no CGAC

O Grupo Arte e Estética Contemporánea da USC desenvolverá entre os días 23 e 25 no Centro Galego de Arte Contemporánea unhas xornadas dedicadas ás canles alternativas de creación, baixo a dirección do profesor Miguel Anxo Rodríguez e de Daniel L. Abel. A iniciativa forma parte do proxecto que desenvolve este grupo para documentar espazos de exhibición e colectivos artísticos alternativos dende 1975 en Galicia e Norte de Portugal. Como explica o profesor Rodríguez, existe un interese renovado nos últimos anos por relatar unha historia da arte diferente, centrada en proxectos e iniciativas non institucionais, de colectivos artísticos e grupos independentes “que entendían a creación como resultado de prácticas de colaboración”. O traballo que desenvolven os investigadores e investigadoras interésase ademais pola proliferación de colectivos artísticos nos últimos anos, “unha alternativa á concepción tradicional do traballo artístico individual”. Proxectos e espazos Nas xornadas intervirán creadores e creadoras, activistas culturais e persoal investigador de Galicia e norte de Portugal, pero tamén doutros contextos peninsulares. No desenvolvemento do programa analizaranse casos concretos -proxectos e espazos- e estableceranse relacións cos seus ámbitos e realidades históricas, dando así continuidade ao primeiro seminario, de carácter teórico, que tivo lugar na primavera de 2011. O encontro diríxese a estudantes, profesionais e persoas interesadas nos ámbitos da creación artística, a historia da arte e a xestión cultural. Na primeira xornada as conferencias servirán para facer un percorrido polas iniciativas e grupos que, desde os anos 80 en España e con gran forza desde os últimos 90 no norte de Portugal, contribuíron a debuxar unha historia diferente da arte contemporánea, “unha historia moito máis complexa e múltiple do que parecen reflectir os grandes eventos e os museos”, apuntan os promotores do encontro. O segundo día abordaranse, coa axuda de especialistas directamente implicados nesa tarefa, as tensións e conflitos que poden provocar a conservación e a posta en valor, por parte das institucións, dos movementos que nos anos 70 e 80 se caracterizaban por unha xestión colectiva e unha práctica política que fai difícil a súa catalogación. Na última xornada, co ánimo de establecer unha crítica comparada con aquelas iniciativas históricas, presentaranse diferentes proxectos que na actualidade supoñen unha alternativa aos formatos tradicionais da arte contemporánea, “en xeral ríxidos e impermeables”, aseguran. En conxunto, as propostas que pecharán as xornadas servirán para asentar un diálogo necesario con experiencias e contextos que teñen un longo percorrido nos últimos corenta anos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.05.2012.