Pasar al contenido principal

O CITIUS da USC participa nun proxecto pioneiro para reducir a mortalidade nas estradas

O proxecto ADAPTA contempla a incorporación de sistemas intelixentes no automóbil para mellorar a protección dos ocupantes en caso de colisión lateral

Os resultados finais do proxecto CENIT ADAPTA (Tecnoloxías de Funcións de Protección Lateral, Intelixentes e Adaptativas), no que participou un consorcio de sete empresas e outros nove centros de I+D+i, entre os que se inclúe o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago (CITIUS), foron presentados recentemente na sede do líder do proxecto, Dalphi Metal España. ADAPTA é un proxecto do programa CENIT financiado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial no que, ao longo de catro anos, traballaron conxuntamente empresas e centros de investigación que representan toda a cadea de valor dos sistemas de protección de ocupantes para vehículos, co obxectivo de mellorar a protección das persoas que viaxan nun automóbil ante colisións laterais, achegando a súa experiencia e coñecementos ao desenvolvemento do proxecto. As principais liñas de traballo dentro do proxecto ADAPTA son a creación de sistemas de detección e clasificación do contorno do vehículo, para a detección previa ao impacto, a inclusión de elementos estruturais no automóbil para mellorar a xestión de choques laterais e a incorporación de sistemas de retención para ofrecer un maior nivel de protección aos ocupantes. Entre os sistemas de protección incorporados, cuxa validación xa foi realizada, destaca un airbag lateral externo, un asento móbil e unha barra lateral inchable. Todos estes equipos actívanse uns milisegundos antes de que teña lugar a colisión lateral, grazas aos sistemas de detección incorporados no vehículo. Achegas desde o CITIUS ao proxecto O CITIUS participou en ADAPTA contribuíndo, xunto coa empresa Anafocus, no desenvolvemento dos sistemas de detección de colisión baseados en visión artificial. Mediante un sistema de visión exterior, é posible detectar obxectos que se achegan ao automóbil e extraer información en 3D destes elementos, incluíndo a velocidade e a posición dos obxectos, todo en tempo real. Á súa vez, o sistema interior de visión artificial permite coñecer o número de ocupantes do vehículo, a súa posición e a súa complexión. A información 3D estereoscópica obtida é enviada ao sistema de control do vehículo encargado de activar os sistemas de protección en caso de perigo de colisión. O sistema ADAPTA foi probado polo consorcio en ensaios con manequíns, nos que se demostrou a súa eficacia, xa que se constata unha redución de máis do 30% nas lesións torácicas sufridas polos ocupantes do automóbil. Isto redunda nunha menor gravidade das lesións e, en consecuencia, nun menor número de falecementos a causa dunha colisión lateral nos accidentes de tráfico.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.05.2012.