Pasar al contenido principal

Unha nova cita en Lugo da iniciativa ‘Na encrucillada’ busca solucións á crise a través da figura de Antonio Casares

Casares, que foi reitor da USC entre 1872 e 1888, está considerado ‘o pai da química galega’ e foi o introdutor en Galicia de importantes avances agrarios e industriais

A iniciativa ‘Na Encrucillada. Universidade en debate’, unha plataforma creada por diferentes colectivos de profesores, alumnos, investigadores e persoal de servizos da USC no Campus de Lugo para analizar e debater sobre a actual situación económica nas súas distintas vertentes, organiza para o xoves 24 de maio unha charla-coloquio sobre a figura do químico lucense Antonio Casares, reitor da universidade compostelá entre 1872 e 1888. A cita será no Salón de Actos da Facultade de Ciencias a partir das 19.00 horas. Baixo o título ‘Antonio Casares: leccións dun científico lucense para saír da actual crise’, o catedrático de Química Inorgánica Manuel Bermejo Patiño falará sobre a figura do considerado ‘pai da química en Galicia’, do que este ano se cumpre o douscentos aniversario do seu nacemento. “ Aprenderemos como realizou o seu labor de difusión e transferencia de coñecemento, que deu lugar ao desenvolvemento de diferentes sectores produtivos galegos, en particular a industria e a agricultura, e trataremos de extraer leccións para enfrontar a crise actual”, explican os responsables da iniciativa. O catedrático Manolo Bermejo é tamén coordinador do grupo de investigación SUPRABIOIN; ademais do seu labor docente e investigador, ocupou postos de responsabilidade como presidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia, director do Instituto de Ciencias da Educación, comisario da exposición do V Centenario da USC ou vicepresidente de ENCIGA (Asociación dos Ensinantes de Ciencias de Galicia). O encontro estará moderado pola tamén catedrática Esther Gómez Fórneas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.05.2012.