Pasar al contenido principal

Clausura da XXV edición dos cursos de verán de ‘Lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia’

Ao longo deste mes, seguiron este curso 86 estudantes de 22 países de Europa, América e Asia

A vixésimo quinta edición dos cursos de verán de ‘Lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia’ pechará este venres 27 a súa programación nun acto de clausura programado para as 12.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía. Este curso está organizado polo Instituto da Lingua Galega da USC, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O reitor Juan Casares presidirá esta clausura á que tamén asisten o tesoureiro da Real Academia Galega, Manuel González González; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; a directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez Blanco; o director dos Cursos de verán, Francisco Fernández Rei e, en representación do alumnado, a estudante do nivel superior Marina Snetkova. Os cursos celebrados en Santiago de Compostela comezaron o pasado 2 de xullo e rematan este mesmo venres. Nesta XXV edición participaron 86 estudantes procedentes de 22 estados diferentes de Europa, América e Asia, como son Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Croacia, España, Estados Unidos de América, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Kazakhstan, México, Polonia, Portugal, Reino Unido, Romanía, Rusia, Serbia, Ucraína e Xapón. Dende a primeira edición ata a do presente ano acudiron a Compostela a través destes cursos de lingua e cultura galegas aproximadamente 2.400 estudantes de moi diversos países de todo o mundo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.07.2012.