Pasar al contenido principal

A USC organiza o I Encontro da Mocidade Investigadora

É unha iniciativa impulsada pola Escola de Doutoramento Internacional e o Centro de Posgrao da USC

A Escola de Doutoramento Internacional (EDI) e o Centro de Posgrao organizan en decembro o I Encontro da Mocidade Investigadora EDI-USC co obxectivo de dar visibilidade á actividade investigadora que se realiza na USC no marco dos programas de doutoramento e promover o intercambio de experiencias entre o persoal investigador en formación, así como promover o exercicio da crítica científica, compartir experiencias e crear un marco de discusión de cuestións de interese para o persoal investigador. A inscrición e matrícula neste encontro é gratuíta, incluíndo a entrega dun certificado de asistencia. As persoas interesadas en participar deberán enviar por correo electrónico a edi.campusvida [at] usc.es (edi[dot]campusvida[at]usc[dot]es) o formulario debidamente cuberto, a copia do pago da matrícula en etapa de tese no presente curso e un resume da comunicación proposta en formato Word. O próximo luns 19 abre o prazo para o envío da documentación, que se estenderá ata o día 28 de novembro. Este primeiro Encontro da Mocidade Investigadora celebrarase do 13 ao 15 de decembro na Aula Magna da Facultade de Bioloxía. EDI Esta actividade encádrase nas iniciativas desenvolvidas pola Escola de Doutoramento Internacional no eido da planificación da oferta de actividades de formación e desenvolvementos dos/as doutorandos/as. A EDI é a unidade encargada da organización dos estudos de doutoramento en todos os ámbitos de coñecemento, xa que nela se integran os programas de doutoramento renovados de acordo co Real Decreto 99/2011. A creación desta Escola, aprobada polo Consello de Goberno o pasado mes de outubro, prodúcese por transformación da Escola de Doutoramento de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías a Saúde. Actualmente, está estruturada en tres ámbitos temáticos, Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde; Ciencias Experimentais e Ensinanzas Técnicas; e Ciencias Sociais, Xurídicas e Humanidades.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2012.