Pasar al contenido principal

Reúnense na USC para avanzar na mellora da ensinanza das matemáticas en primaria

A Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (AGAPEMA) organizou esta fin de semana na USC un seminario sobre a ensinanza e a aprendizaxe das Matemáticas en Educación Primaria, convocado pola Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas (FESPM) e a Comisión de Educación do Comité Español de Matemáticas (CEMat). As persoas asistentes abordaron no seminario o carácter central da matemática na cultura e na formación da cidadanía e destacaron a súa importancia na educación primaria, subliñando as necesidades para a formación do profesorado e identificando os retos e peculiaridades derivados do que a sociedade actual demanda neste momento. Para iso reflexionaron sobre a formación inicial e permanente do profesorado, estudaron o papel dos materiais manipulativos e os recursos TIC e debateron acerca de estratexias metodolóxicas para mellorar o ensino e a aprendizaxe das matemáticas nese nivel educativo. As conclusións do encontro plasmaranse proximamente nun documento que conteña propostas de futuro relativas ao ensino e aprendizaxe das matemáticas en educación primaria e recomendacións para as administracións educativas, para o profesorado e para outros grupos e institucións involucrados na educación. O encontro inaugurouno na Facultade de Ciencias da Educación a decana da Facultade de Matemáticas, Victoria Otero Espinar, en representación da Conferencia de decanos e directores de Matemáticas de España; acompañada polo presidente do CEMat, Antonio Campillo; o da FESPM, Serapio García Cuesta; o da Comisión de Educación do CEMat, Luis Rico; e o de AGAPEMA, Julio Rodríguez Taboada.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.11.2012.