Pasar al contenido principal

O Seminario de Estudos de Seguridade USC-CESEDEN desenvolve o seu cuarto encontro internacional dedicado á intelixencia, seguridade e defensa en Asia Pacífico

O Seminario de Estudos de Seguridade USC-CESEDEN dedicará o seu cuarto seminario internacional ao tema ‘Intelixencia, seguridade e defensa en Asia Pacífico’, nun encontro que presidirá o reitor Juan Casares este xoves 22 ás 9.30 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito onde se vai celebrar ata o venres 23. Xunto ao reitor estarán presentes ademais Emilio Sánchez de Rojas, en representación da Escola de Altos Estudos da Defensa (CESEDEN) e José Julio Fernández, director do seminario USC-Ceseden. ‘Análise xeoestratéxico do escenario Asia Pacífico’ é o título da mesa redonda que abrirá a quenda de intervencións coa participación de expertos de CESEDEN e da USC. Completará a sesión matinal a presentación de diversas visións particulares respecto da relación entre intelixencia, seguridade e defensa no ámbito xeográfico de estudo do seminario. Xa pola tarde, a partir das 16.15 horas están programadas dúas mesas redondas sobre evolución e transcendencia do fenómeno terrorista en Asia Pacífico e sobre as achegas do sector empresarial á intelixencia, seguridade e defensa, con especial atención a retos competitivos.

Xa o venres 23, a xornada abrirá cunha serie de intervencións ao redor de novas consideracións respecto do impacto e repercusión da criminalidade organizada na rexión asiática do Pacífico. O seminario rematará realizando unha visión panorámica das institucións de intelixencia, seguridade e defensa e as relacións coa Unión Europea e OTAN e cunha conferencia dun representante do Centro Nacional de Intelixencia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.11.2012.