Pasar al contenido principal

O Congreso Internacional de Cirurxía para Estudantes comezou en Medicina a súa décimo cuarta edición

O Congreso de Cirurxía desenvolverase en Medicina ata o xoves. Foto: Alfonso-Servimav USC
O Congreso de Cirurxía desenvolverase en Medicina ata o xoves. Foto: Alfonso-Servimav USC

O Congreso Internacional de Cirurxía para Estudantes desenvolve ata o próximo xoves 22 na Facultade de Medicina a súa décimo cuarta edición afianzando a súa posición como actividade de referencia na organización de congresos para estudantes, tanto no plano nacional como internacional. Dende o seu inicio en 1986, polo Congreso de Cirurxía para Estudantes pasaron máis de 6.500 alumnos/as da USC así como de facultades de toda España e Portugal, manténdose fiel ao seu obxectivo de aumentar as posibilidades de aprendizaxe do alumnado das facultades de Medicina máis alá dos contidos estritamente teóricos de aula. Á presente edición acoden 150 estudantes. A inauguración oficial do encontro celebrouse este martes 20 no Salón de Actos da facultade compostelá, sede do congreso, e nela participaron o Comisionado para Ciencias da Saúde da USC, Manuel Macía; o decano Juan Gestal; o director científico do congreso, o catedrático de Cirurxía Miguel Caínzos; o doutor Costa-Maia, xefe de Cirurxía do Hospital de San Joao (Porto), en calidade de conferenciante convidado; o presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, José Carro Otero; e o presidente do Comité Organizador, Andrés Marín. Ao longo deste días o alumnado inscrito no congreso poderá asistir ás conferencias maxistrais de docentes e profesionais de recoñecido prestixio internacional nas súas respectivas especialidades, xunto aos que se abrirá un espazo para os relatorios de estudantes de Medicina e Odontoloxía, así como obradoiros encamiñados a abordar aspectos relevantes da práctica médica diaria. Como apunta a organización do encontro, a asociación de alumnado GiMe da Facultade compostelá, “traballamos ano a ano para ofrecer a todos os nosos/as compañeiros/as a posibilidade de gozar en primeira persoa dos últimos avances no campo da cirurxía actual, sempre co obxectivo de mellorar a calidade e contidos da formación académica”. Xunto ao profesor Costa-Maia, a edición deste ano do Congreso conta coa presenza como relatores convidados dos profesores Sancho Insenser, do Hospital do Mar de Barcelona; Martelo Vilar, da Coruña; e o xefe de Cirurxía Xeral e Emerxencia do Hospital Gregorio Marañón, Fernando Javier Turégano Fuentes. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á web de GiMe en http://www.gime.es/congresos/xiv-congreso-internacional-de-cirugia-para-estudiantes/informacion/. Programa ‘Seguridade no quirófano’ foi a conferencia que abriu a quenda de intervención, da man do doutor José Costa-Maia, ao que lle seguiu un relatorio sobre isquemia intestinal que presentaron Ana Luisa Neves e Joana Ruibal. Completando a sesión matinal, o ex responsable do Servizo de Cirurxía Plástica e Queimados da Cidade Sanitaria Juan Canalejo da Coruña, Francisco Martelo, tratará aspectos relacionados co tratamento das queimaduras. Pola tarde, ás 16.00 horas comeza unha táboa redonda dedicada ás especialidades cirúrxicas, concretamente de traumatoloxía e ortopedia, cirurxía xeral e do aparato dixestivo, neurocirurxía e cirurxía plástica. Esta primeira xornada complétase cun simposio sobre a cirurxía de urxencia vista polos residentes de diferentes especialidades. De esquerda a dereita, Miguel Caínzos, o doutor Costa-Maia, Juan Gestal, Manuel Macía, José Carro e Andrés Marín. Foto: Alfonso-Servimav USC Participan 150 futuros profesionais. Foto: Alfonso-Servimav USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2012.