Pasar al contenido principal

Especialistas de España e Portugal estudarán as diferentes alternativas á privación de liberdade

O Instituto de Criminoloxía da Universidade de Santiago reunirá os días 13 e 14 de decembro os mellores especialistas da Península para debater nun congreso sobre as diferentes alternativas da privación de liberdade. As conclusións axudarán o proxecto de investigación que, co mesmo nome, lidera a USC financiado pola Consellaría de Economía e Industria. O Congreso Hispano-Portugués ‘Alternativas á privación de liberdade’, co que colabora o Departamento de Dereito Penal da Universidade da Coruña, estudará en conferencias e mesas redondas cuestións xenéricas como as alternativas á prisión nos códigos penais español e portugués e outras máis concretas como a mediación entre o autor e a vítima como forma alternativa de resolución do conflito no sistema xudicial penal xuvenil, a suspensión da pena privativa de liberdade no caso de drogodependentes, a situación actual e orientación político-criminal do novo anteproxecto de reforma do código penal ou a xustiza restaurativa na execución de penas, entre outras. O claustro de relatores está conformado por docentes das Universidades de Santiago, Vigo, Jaume I de Castellón e Minho e do Instituto Superior da Maia (Portugal), ademais da participación do director da Penitenciaría de Valencia, Miguel Ángel Martínez.

O encontro, a desenvolver na Facultade compostelá de Dereito, está organizado polo director e secretario do Instituto de Criminoloxía da USC, os profesores Fernando Vázquez-Portomeñe e Gumersindo Guinarte, respectivamente, que manteñen aberto ata o 11 de decembro o prazo para presentar comunicacións en tres áreas temáticas: suspensión e substitución das penas, traballos en beneficio da comunidade e a pena de localización permanente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.11.2012.